Friday 22 de November de 2024

Saen do prelo os libros de “Memoria dun Século” de Laraxe, Cabanas e Salto


Coa publicación destes tres últimos libros complétase o proxecto “Memoria dun Século” nas sete parroquias de Cabanas

A área de igualdade do Concello de Cabanas presentou os tres últimos libros de “Memoria dun Século”, protagonizados polas parroquias de Laraxe, Cabanas e Salto. Con estas publicacións, complétase o proxecto, que inclúe ás sete parroquias do termo municipal cabanés.

A través de Memoria dun Século, conseguiuse xerar un espazo periódico onde as persoas maiores – especialmente das contornas rurais – puideron exercitar e reelaborar as súas memorias persoais, articulando en conxunto o relato colectivo de cada unha das parroquias de Cabanas. Ademais, o programa ten un eminente enfoque de xénero, posto que entre as finalidades deste espazo está a posta en valor das vidas e saberes das mulleres, principais participantes da actividade, contribuíndo ao seu apoderamento e á visibilidade das súas achegas á historia de cada parroquia.

“Co proxecto ‘Memoria dun Século’ quixemos recoller o tesouro das lembranzas a través da realización de obradoiros polas distintas parroquias, co fin de compoñer unha tea coa historia de todo o concello”, sinalou a concelleira de igualdade, Paula González.

As persoas interesadas en facerse cos libros das diferentes parroquias, que se distribúen de maneira gratuíta, poden recollelos na Casa do Concello, así como nas sociedades ou escribindo a igualdade@cabanas.gal

A actividade foi facilitada pola Sociedade Cooperativa Galega Rexenerando, e conta foi financiada tanto con fondos propios como pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza.