Juan Fariña pediu en múltiples ocasións á alcaldesa que desaloxara do baixo do antigo palco de música da parroquia ás persoas que manteñen nel unha especie de club privado. Alejandra Pérez fixo caso omiso desa petición, probablemente por non ter que enfrontarse a xente da súa candidatura na parroquia.
Juan Fariña comprométese -cando chegue á alcaldía de Bergondo- a recuperar para o uso público a antiga escola da parroquia de Cortiñán. Actualmente esta instalación está pechada e sen uso, servindo unicamente como almacén de diverso material, entre o cal se atopa unha boa cantidade de equipos informáticos vellos, xa que fai uns anos este local foi utilizado por un fillo da parella formada por un exconcelleiro do PSOE e unha candidata desas mesmas siglas para impartir clases particulares de informática.
Por outra banda, convidaremos ás persoas que utilizan como unha especie de “club privado” o baixo (un rocho minúsculo e angosto) do antigo palco da música da parroquia a que recollan os efectos que alí gardan e abandonen esas dependencias. Dito espazo non reúne as condicións mínimas esixibles para albergar persoas. Ao tamaño reducido do mesmo engádese o feito de que se ven empregando como local de reunión para, aparentemente, realizar manualidades, polo que nel se poderian atopar diversos produtos ou materiais inflamables, en convivencia con aparatos eléctricos como un frigorífico e un microondas. Estas persoas e este “club privado”, -rexentado por unha destacada membro da lista do PSOE- (a mesma persoa que é parella dun exconcelleiro dese partido e nai da persoa que impartía clases particulares de informática na antiga escola da parroquia), deberán abandonar este lugar. Principalmente e antes que calquera outra consideración, pola súa propia seguridade. Como dicimos, este non é lugar axeitado para a reunión de persoas. Todas as actividades que alí desenvolven esas persoas poden canalizalas perfectamente en algún domicilio privado ou no local social da parroquia, que se atopa a escasos metros de onde agora se reúnen.
Preocúpanos moito que a alcaldesa de Bergondo, a pesar das insistentes advertencias de Juan Fariña ao longo destes anos, non pense -cando menos- na seguridade desta xente e nas consecuencias que se poderían derivar dun hipotético accidente nun rocho/soto minúsculo e con reixas nas fiestras. Esta é a nosa principal preocupación, con independencia da opinión (pésima) que nos merece o feito de que en Bergondo poida haber instalacións de uso exclusivo para os amigos ou afíns ao partido socialista.