Friday 22 de November de 2024

Botan a anda-los Camiños Escolares Seguros na Pobra


No terceiro trimestre do actual curso entrarán en funcionamento os Camiños Escolares Seguros en dous centros educativos do núcleo urbano. Deseñouse así un itinerario que parte da praza Alcalde Segundo Durán, para seguir por rúas peonís ata o inicio da rúa Venecia, onde se bifurca para se dirixir ao CEP Salustiano Rey Eiras e ao IES da Pobra do Caramiñal a carón da estrada. Tamén se procedeu coa colocación de sinalización horizontal e vertical. En canto a esta última, o camiño que leva ao centro da primaria conta co distintivo dun lapis, mentres que o da secundaria consiste nunha mochila.

O concelleiro da Mobilidade, Xabier Santos (BNG), xunto coa súa homóloga dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), e a xefa de estudos do referido centro educativo da primaria, Daniela Martínez, explica que o obxectivo é “recupera-la tradición de camiñar xuntas e xuntos á escola dunha maneira segura.” Deste xeito, o proxecto iníciase con dous tramos que se ampliarán a un terceiro no vindeiro ano académico.

Previamente, fíxose un estudo para determina-la viabilidade da iniciativa, efectuáronse intervencións necesarias e repartíronse enquisas entre o alumnado. Tamén se contará con voluntariado para esta ruta, ademais de establecementos hostaleiros e comerciais colaboradores por se a rapazada se perde ou se sente indisposta durante o traxecto. Xa á volta da Semana Santa impartiranse charlas e repartiranse chuvasqueiros e material informativo.

O edil apunta que este programa actúa en diversas vertentes: pedagóxica, ao fomentar hábitos saudables e o desenvolvemento da autonomía do alumnado; ambiental, ao diminuí-la emisión de gases contaminantes e os ruídos; urbana, coa mellora do tráfico na contorna dos colexios; e política, ao impulsar un modelo de concello “moito máis humano.” Santos agradece a implicación no proxecto, especialmente, da comunidade educativa.

En representación do CEP Salustiano Rey Eiras, Daniela Martínez amosouse partidaria do percorrido a pé ata os colexios e informa do apoio a esta iniciativa que o incentiva de maneira segura.