A actuación, que contou cun investimento de 922.000 euros, supuxo a renovación integral das instalacións, que contan con nove postos de atención novos e o dobre de espazo para as persoas usuarias
Desde o próximo 10 de abril a cita previa deixa de ser obrigatoria no Rexistro de María Pita, no Ágora e no Fórum
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta mañá ás novas instalacións do rexistro municipal do palacio de María Pita tras a súa renovación integral. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro municipal,
José Manuel Lage. A actuación supuxo un investimento de 922.000 euros. O rexistro de María Pita é a oficina municipal con maior número de usuarios, concentrando o 25% da atención de todos os servizos e con máis de 60.000 usuarios ao ano.
“O noso obxectivo con esta actuación era adecuar e mellorar esta estancia aos estándares de calidade que merece a nosa cidadanía, mais tamén poñer en marcha un novo sistema de atención ao cidadán, unha atención que contará cun trato personalizado e coa asistencia precisa para a realización de trámites”, sinalou Inés Rey. A reforma consistiu na mellora da climatización, da acústica, da iluminación e na accesibilidade. Tamén se renovaron as instalacións eléctricas e a conexión de Internet, ademais de instalarse novos equipos informáticos de última xeración. Con todo isto conséguese unha maior eficiencia enerxética das instalacións. Os traballos leváronse a cabo respectando os elementos ornamentais e os acabados da estancia en harmonía co conxunto de María Pita.
“Hoxe temos unhas instalación máis cómodas e útiles para a cidadanía que nos permiten mellorar a atención ao público”, apuntou Inés Rey. O espazo de atención ampliouse de 175 a 320 metros cadrados, o que permitiu aumentar o número de postos de atención de 14 a 23,abarcando as unidades de Atención Cidadá e Estatística e Padrón. O novo mobiliario permite, ademais, levar a cabo as consultas coa máxima privacidade. Outra das necesidades satisfeitas coa reforma foi a creación dunha nova área de espera que permite ás persoas usuarias agardar a súa quenda a cuberto e sentadas.
O rexistro conta agora, ademais, cunha nova zona de Arquivo que permite unha áxil consulta da mesma durante o tempo da cita. Outra das novidades é un novo servizo de videointerpretación de lingua de signos para persoas xordas. Todos os postos dispoñen dunha tablet coa que contactar en directo cun intérprete e facilitar deste xeito a xestión das consultas deste colectivo. “Continuamos mellorando espazos municipais prioritarios para a cidadanía como este novo rexistro, que permitirá axilizar moitos trámites e optimizar os nosos recursos para ser máis eficientes”, apuntou Inés Rey.
Ademais, desde o próximo día 10 a cita previa deixará de ser obrigatoria no Rexistro de María Pita, mais tamén no Ágora e no Fórum. As tres oficinas concentran a maior parte da atención ao cidadán do Concello. A cita previa seguirá a funcionar para facilitar aos cidadáns a organización do seu tempo, mais quen por calquera motivo acuda sen ela tamén poderá solicitar atención.