· A actividade, celebrada o pasado venres na Senra, supuxo o arranque do cuarto ano da iniciativa feminista, promovida pola concellería de Benestar Social.
· A semana do 24 de abril terá lugar a instalación do novo elemento do mobiliario urbano do municipio para reivindicar a loita contra as distincións por sexo.
· Nesta edición tamén se prevé dar nome de muller ao local social de Cortiñán, o último do municipio que queda por ‘rebautizar’.
O Concello de Bergondo deu inicio á cuarta fase do seu programa ‘Bergondo en feminino’, impulsado pola concellería de Benestar Social. Esta nova etapa da iniciativa creada en 2019 arrincou o pasado venres coa actividade ‘A igualdade ocupa rúa’, un taller para realizar un deseño colaborativo dun banco pola igualdade.
O local social da Senra acolleu o pasado venres esta actividade bautizada como ‘A igualdade ocupa a rúa’, que consistiu nunha posta en común de ideas para empezar a plasmar no mobiliario urbano o carácter reivindicativo feminista do municipio. Porque nesta nova fase de ‘Bergondo en feminino’, o obxectivo mantense: divulgar a traxectoria das mulleres bergondesas, visibilizar as súas achegas á sociedade e concienciar acerca da necesaria igualdade real entre todas as persoas, independentemente do seu sexo.
O próximo paso desta iniciativa está previsto para a semana do 24 de abril coa instalación do banco. O deseño final e o lugar concreto están aínda por determinar e sairán desas ideas desenvolvidas no primeiro taller de ‘A igualdade ocupa a rúa’.
Unha vez desenvólvase esta iniciativa coa elección do deseño final e da localización concreta do banco, a idea do goberno local é estender esta iniciativa e realizar talleres para o deseño de máis bancos do municipio con outras temáticas (familia, maiores…).
Un proxecto con continuidade desde o 2019
‘Bergondo en feminino’ naceu en 2019 co obxectivo de investigar a historia das mulleres do municipio para dar a concoer a súa contribución á sociedade. Os resultados do primeiro taller foron moi satisfactorios, tanto cuantitativamente como cualitativamente. Por unha banda, porque se atoparon nomes de moitas mulleres das que se rastrexaron datos das súas vidas. Por outro, porque se conseguiu a implicación veciñal en todo o proceso, que culminou cunha publicación e unha serie de roteiros en autobús onde se podía coñecer a historia de vida destas mulleres.
Desde o ano 2020 fóronse renombrando os diferentes centros sociais do municipio e outros espazos municipais cos nomes das mulleres homenaxeadas. Nesta nova fase de ‘Bergondo en feminino’ tamén se dará nome de muller ao último dos locais sociais que resta por bautizar, o de Cortiñán.
Durante o 2022 realizáronse dous roteiros a pé para coñecer a vida e obra das mulleres homenaxeadas nos anos 2021 e 2022.