Friday 22 de November de 2024

O Concello mellora a accesibilidade de cinco pasos de peóns, incluíndo a ampliación e renovación do situado no cruzamento entre Alcalde Marchesi e Ramón y Cajal


A conexión entre ambas as rúas xunto ao centro comercial converterase no paso máis grande da cidade

O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, está a acometer traballos de mellora de accesibilidade en diferentes pasos de peóns da cidade. Estas actuacións enmárcanse dentro da estratexia do Goberno de Inés Rey de mellora da seguridade e accesibilidade no espazo público.

Os traballos consistirán, na maioría dos casos, na elevación do firme do paso de peóns para crear un itinerario único coas beirarrúas. Reforzarase tamén a sinalización vertical na calzada e ampliaranse as beirarrúas para mellorar a súa accesibilidade. “Buscamos crear unha cidade para as persoas, como fixemos coas numerosas intervencións que acometemos en rúas que agora son peonís ou teñen prioridade para viandantes”, sinala Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade.

Esta semana comezaron os traballos de mellora no paso de peóns da rúa Mosteiro de Caaveiro, situado á altura do número 14. Tamén está previsto actuar á altura do número 40 da mesma vía. A actuación tamén inclúe a mellora das zonas verdes e do mobiliario urbano.

Por outra banda, outra das actuacións previstas é a ampliación do paso de peóns semafórico que divide os dous tramos da rúa Alcalde Marchesi a través de Ramón y Cajal.

Esta actuación consistirá na eliminación da medianeira da calzada e a creación dunha zona de intersección que ocupe o espazo entre ambos os tramos, e que se converterá no paso de peóns máis longo da cidade. Estes traballos forman parte do proxecto de humanización de Alcalde Marchesi e da rolda peonil proxectada polo Goberno de Inés Rey. Coa súa execución, mellorarase a seguridade e a continuidade peonil na contorna. Instalaranse, ademais, novos sinais verticais e semáforos neste espazo.

Tamén está prevista a creación dun cruzamento sobreelevado na avenida de Arteixo, entreas rúas Sagrada Familia e Ramón Cabanillas. Esta actuación incluirá unha ampliación das zonas de paso, novas zonas verdes e mobiliario urbano renovado. Ademais, actuarase sobre as beirarrúas, facéndoas máis amplas en ambas as marxes.

Por outra banda, tamén está prevista unha actuación na glorieta existente na intersección entre a rolda de Outeiro e a avenida do Exército. Neste punto actuarase sobre todas as beirarrúas, incluído un tramo da avenida de Oza, onde se elevarán os pasos de peóns, creando un itinerario máis seguro para as persoas viandantes e que terá continuidade cos traballos que se levan a cabo na nova glorieta que conecta a avenida do Exercito con Ramón y Cajal.

Por último, crearase un novo paso de peóns na praza de Ourense, no cruzamento coa rúa Picavia. Neste punto, manteranse os dous pasos semafóricos actuais e engadirase un novo en diagonal, contiguo ao carril bici, para mellorar a seguridade na contorna e facilitar o itinerario peonil. Será necesario retirar un valo e diferentes morróns do carril bici, así como instalar novos semáforos e illas para organizar o tráfico.

As diferentes actuacións iranse executando progresivamente, comezarán en Mosteiro deCaaveiro e seguirán pola praza de Ourense. Os seguintes serían o da glorieta da avenida do Exército e os pasos da avenida de Arteixo.