A cidadanía poderá visitar o veleiro o martes, de 16.00 a 19.00 horas
O buque escola alemán Gorch Fock atracará no porto da Coruña este luns, 3 de abril. O veleiro será visitable o martes de 16.00 a 19.00 horas, nunha xornada de portas abertas que conta coa colaboración do Concello da Coruña. O buque estará na cidade a ata o venres 7 de abril, cando está prevista a súa partida ás 10.00 horas.
O Gorch Fock chega á cidade despois de que en outubro se realizase na Coruña o cume hispano-alemán, encabezado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o chanceler alemán, Olaf Scholz.
O Gorch Fock, comandado por Andreas-Peter Graf von Kielmansegg, é o buque escola da Mariña Federal alemá. Nel, os candidatos a oficiais e suboficiais reciben formación teórica e práctica. Desde 1960 o Gorch Fock participa regularmente en grandes eventos e regatas internacionais de vela cuxo obxectivo é ofrecerlles ás novas xeracións a experiencia deportiva no mar nas regatas de vela e a oportunidade de establecer lazos con outras nacións no porto.
Trátase dun barco veleiro de tres mastros, aparello cadrado no pau de proa e maior e aparello proa-popa no pau de mesana. O casco e a arboradura son de aceiro. Máis de 300 toneladas de lastre no casco confírenlle unha grande estabilidade. As súas 23 velas e a maior parte da enxarcia de labor son sintéticas. O barco ten un motor auxiliar que o axuda en caso de calma ou cando navega en augas confinadas.
O Gorch Fock é o segundo buque que leva este nome e o quinto da súa clase. Os seus catro buques xemelgos foron construídos antes da Segunda Guerra Mundial no mesmo estaleiro: tres deles seguen en servizo activo en varias nacións, onde se utilizan como buques escola para cadetes navais. O Gorch Fock construíuse en 1958 en Hamburgo e o seu porto base é Kiel, a capital de Schleswig-Holstein. Entre 2015 e 2021, o Gorch Fock foi obxecto dunha profunda revisión e renovación.