Saturday 23 de November de 2024

Lete Lasa destaca os avances na igualdade como un dos maiores logros do remo galego que atravesa, de novo, unha época dourada


_Destaca aos remeiros na carreira olímpica como Caetano Horta e Rodrigo Conde

_Cifra un aumento das licenzas femininas de máis dun 200% desde 2009

_Anima á nova directiva da Federación Galega de Remo e remarca o exemplo de traballo, constancia e sacrificio de Cosme Sampedro, o remeiro de Cabo de Cruz que supera un linfoma de Hodgkin

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na VII Gala do Remo Galego 2023 onde destacou os grandes avances acadados polo remo galego na igualdade e apuntou que, atendendo ao número de participantes e de resultados deportivos, o remo volve atravesar unha época dourada.

Neste sentido, Lete Lasa subliñou que Galicia conta hoxe con máis de 2.700 licenzas deportivas de remo, cando en 2009 eran tan só 1.500. Isto débese a un aumento das licenzas masculinas do 34% pero o que é máis importante, un aumento das femininas de máis do 200%, pasando de 300 ata superar o milleiro. Ademais, Lete Lasa destacou que este camiño cara á paridade tamén se está a dar no alto nivel, xa que os 30 deportistas galegos de alto nivel de remo son 14 mulleres e 16 homes, e dos dez que reciben unha axuda, divídense ao 50% entre os dous sexos.

Con todo, o secretario xeral situou a Galicia é a comunidade de España cos mellores eventos -como demostra a pasada Coupe da Jeunesse en Castrelo de Miño-, co maior número de licenzas deportivas de remo -co permiso do País Vasco- e co maior número de clubs.

Banco móbil e banco fixo
Lete Lasa destacou a figura dos dous remeiros galegos que contan con máis opcións para estar en París 2024 como son Caetano Horta e Rodrigo Conde, e destacou que grazas ao traballo dos máis novos, Galicia volve ter representación olímpica 16 anos despois en lembranza do diploma olímpico acadado polo propio Caetano Horta en Toquío.

No que respecta ao banco fixo, o mandatario galego volveu falar de igualdade e de alto nivel xa que -logo do triplo ascenso de tres equipos galegos- o vindeiro ano 2023, dous equipos masculinos -Cabo da Cruz e Samertolameu- e dous equipos femininos -Cabo da Cruz e Tirán- competirán na máxima división nacional das traiñeiras: a ACT Euskolabel e a ACT Euskotren.

Lete Lasa enviou folgos ao novo presidente da Federación Galega de Remo, José Luis Méndez, e puxo de novo como exemplo de traballo, constancia e sacrificio o caso do remeiro de Cabo da Cruz, Cosme Sampedro, que antes de iniciar a tempada 2022 foi diagnosticado cun linfoma de Hodgkin e que tras o tratamento, a dieta, a actividade deportiva e a súa disciplina está a piques de regresar aos adestramentos co seu equipo.

A Federación Galega de Remo recibiu en 2022 preto de 530.000 euros dende todas as ordes de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte. Neste 2022, o convenio coa federación medra un 6% superando os 122.500 euros. A Liga Galega de Traíñas recibe 115.000 euros tras medrar un 5% en 2022.