A candidata de Alternativa dos Veciños á alcaldía de Culleredo, Thais Palla Maceiras, presentou ás persoas que a acompañarán na lista electoral para as próximas eleccións municipais nun acto celebrado en Almeiras ante un cento de persoas. Xunto con Palla Maceiras, entre outras persoas tamén participarán na candidatura Miguel Fraga Pulleiro, Julio Gestal Seoane, Sandra Marzoa García, Leticia Argüelles Blanco, Brais Santiago Ferradás, Pilar González Hernández.
Thais Palla, nun discurso brillante, avanzou as liñas programáticas xerais coas que Alternativa se presenta ás eleccións. A necesidade de dispoñer dun plan de urbanismo; o fortalecemento das políticas sociais e da participación veciñal; a posta en marcha de novas actividades e iniciativas educativas complementarias á formación curricular; posta en marcha de máis actividades de envellecemento activo e mellorar os servizos de axuda no fogar; apostar por unha igualdade real que, entre outras cousas, garanta a conciliación das familias; creación de espazos públicos e equipamentos para un ocio san da xuventude;… “Só imos prometer o que poidamos facer. Menos é máis”, concluíu.
Tamén interviu o representante de Culleredo na executiva do partido, Narciso Marzoa, e o presidente de Alternativa, Ángel García Seoane que destacaron a valía e capacidade da candidata e das persoas que a acompañan na lista electoral. “Persoas que queren o seu municipio, preparadas para xestionar un municipio que necesita un impulso e acabar con políticas que venden aos cidadáns como favor o que lles corresponde por dereito”, dixo García Seoane.