Friday 22 de November de 2024

O concello recupera un espazo degradado da cidade coa restauración do lavadoiro de Ameneiro e a mellora do seu entorno


O Concello de Riveira vén de culminar unha actuación en virtude da cal foi recuperado un espazo medioambientalmente degradado da cidade de Santa Uxía e no que proliferaban pintadas e outros actos vandálicos: trátase do lavadoiro de Ameneiro, situado na zona popularmente coñecida como Casas Baratas, indo en dirección ao parque periurbano de San Roque.
A actuación executada focalizouse tanto no lavadoiro como no seu entorno. Neste último caso, comprendeu en primeiro lugar a instalación dun pavimento terrizo integrado no entorno, formado por pedras de mampostería de granito sobre soleira de formigón. Así mesmo, instalouse unha rede para a recollida das augas superficiais que descorren polo camiño, formada por un colector de PVC corrugado SN8 de 315 milímetros de diámetro e dispuxéronse 3 pozos de rexistro e 3 arquetas sumidoiro.
Os traballos de recuperación incluiron tamén o desbroce da traza do camiño eliminando a maleza que o invadía. Tamén se procedeu á sinalización do elemento patrimonial a través dun cartel de madeira situado xusto na zona de acceso dende a rúa Barbanza.
En canto ao propio lavadoiro, cómpre dicir que se adecuou a cuberta colocando tella cerámica curva sobre placas minionda de fibrocemento. Tamén se limpou a parede de pedra con máquina a presión e erradicáronse as pintadas existentes. As paredes laterais repuxéronse con ladrillo, recubríndose con pedra de mampostería granítica.