Coa entrega do premio “Curuxa do Humor 2015”, o Museo do Humor de Fene dará o pistoletazo de saída este venres ao seu “Novembro, Mes do Humor”. Nun acto que comezará ás 20 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Fene, o debuxante murciano Manuel Arriaga de Léon recibirá da man do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e da concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, o diploma que o acredita como gañador do segundo premio do certame na súa edición deste ano.
O xurado do XIX Concurso de Humor gráfico “Curuxa do Humor”, reunido o pasado 9 de outubro, acordou deixar deserto o primeiro premio do certame e outorgar o segundo premio á obra “Que leria de guerra”, de Manuel Arriaga de León, valorando a temática escollida polo autor, “a condena da guerra en clave de humor, cun razoamento incuestionable: o absurdo da guerra e o feito de seren sempre (as guerras) contrarias aos intereses populares”. O xurado deste XIX premio “Curuxa do Humor” estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, o xestor de actividades culturais do Concello, Daniel Romero, e os humoristas gráficos Siro López, David Pintor e Andrés Meixide.
Segundo informa a Concellería de Cultura e Ensino, o premio para o autor da obra galardoada consistirá nunha gratificación económica de 1.500 euros e diploma. O acto de entrega do mesmo coincidirá este venres coa apertura dunha exposición coas obras presentadas ao certame na súa edición deste ano e coa primeira actuación do ciclo de espectáculos humorísticos “Novembro, Mes do Humor”.
Esta primeira sesión correrá a cargo do dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, “Aldaolado”, co seu espectáculo “Sempre en Ibiza”. A función comezará a partir das oito do serán, unha vez finalizado o acto de entrega do premio “Curuxa”. A entrada será de balde aínda que, para asistir ao espectáculo, será preciso recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas.
Nos seguintes venres do mes de novembro, os/as protagonistas serán Luís Zahera (“Chungo”), Camila Bossa e Iolanda Muíños (“Malos hábitos”) e Cándido Pazó (“Qué cousas!”).