Ademais, acordouse os membros do novo Comité de Irmandamento con Les Sables d’Olonne.
Na sesión ordinaria do Pleno que se celebrou hoxe -que estivo presidida polo tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito- aprobouse por unanimidade modificar a ordenanza fiscal número 17 reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) co dobre propósito de regular a casuística específica de determinados proxectos -principalmente os relacionados cos parques eólicos- e de establecer bonificacións fiscais para obras que se leven a cabo en núcleos rurais ou que sexan consideradas de especial interese ou utilidade municipal.
Así, acordouse fixar o máximo tipo de gravame por ICIO (4 % da base impoñible) a aqueles actuacións que se executen no marco de proxectos relativos á produción de enerxía eléctrica ou de combustibles con potencias superiores a 100 kW, incluíndo todos os custos inherentes como son as liñas de evacuación, tendidos, subestacións accesorias e demais instalacións consubstanciais. Martínez Barbeito expresou a opinión do grupo de goberno sobre esta cuestión, considerando que para este tipo de proxectos “debemos ir ao gravame máis alto que poidamos”.
Pola contra, minórase en medio punto (2 % en lugar do xeral de 2,5 %) o tipo de gravame do ICIO tanto para construcións, instalacións ou obras que se leve a cabo en solo de núcleo rural como para as que se executen en explotacións gandeiras que estean suxeitas a avaliación ambiental de calquera tipo, ou con trámite ambiental en vigor.
Ademais, flexibilízase o acceso á bonificación do 75 % na cota tributaria por ICIO ás obras que afecten a inmobles incluídos nun catálogo de protección patrimonial ao ser considerados como proxectos de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego.
O acordo pleno dos tres grupos políticos repetiuse na constitución do novo Comité de Irmandamento con Les Sables d’Olonne. Estará formado polo alcalde máis dous concelleiros do grupo de goberno, un edil de cada grupo da oposición, os directores dos catro centros de ensino (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) e os presidentes das asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión e dos clubs U.D. Paiosaco, Laracha C.F., Club do Mar de Caión, Club Baloncesto Laracha, Club Patín Conxuro, club SAL e Amigos del Judo.