O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña distribúe no sector hoteleiro cubos promocionais con toda a información de destino, dende a axenda de ocio ata rutas e historia da cidade
Os hoteis da cidade contribúen á promoción de destino ofrecendo aos visitantes en cada habitación información turística e cultural da Coruña. O Consorcio de Turismo e Congresos fixo entrega hoxe ao sector hoteleiro de cubos promocionais con códigos QR que achegan toda a información necesaria para coñecer a cidade, dende rutas, ata a historia da urbe e unha renovada axenda de ocio, coa programación de concertos, teatro, exposicións, congresos e eventos. Tamén permite o acceso á nova web www.visitcoruna.com.
O presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, acompañado polo presidente de Hospeco, Agustín Collazos, e polo xerente do consorcio, Moisés Jorge Naranjo, fixo entrega dos cubos promocionais con información de destino, unha acción que se enmarca na estratexia turística da cidade para reforzar o posicionamento da Coruña como destino. No acto, representantes de cada hotel recibiron os códigos QR para colocar nos seus establecementos hoteleiros, en cada habitación.
“Todos os visitantes disporán da información da cidade a través destes códigos QR que presentamos este ano en Fitur. Quería aproveitar para felicitarvos polo voso traballo; que a nosa cidade se coñeza aquí, no ámbito nacional e internacional é mérito voso”, expresou Juan Ignacio Borrego.
Pola súa parte, Collazos asegurou que o máis importante da Coruña é a súa xente, “habituada a recibir visitantes”. Collazos engadiu que empeza a Semana Santa e con ela a tempada forte de turismo. “Preséntase un ano prometedor”, apuntou.
Hoteis como Riazor, Attica21, Hesperia Coruña Centro, Ibis Styles, Finisterre, Eurostars, Hotel Carris, Ibis, Mar de Plata, Zenit, Alda Galería, Brial o AC xa contan con este material promocional.