— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado dos directores dos centros, presenta a programación para os vindeiros meses
— Haberá mostras sobre Picasso, a arquiveira Olga Gallego, a fotógrafa Mary Quintero ou a mestra María Barbeiro, entre outras
Os arquivos da Xunta programarán este ano un total de 15 exposicións nas que se porá en valor parte do legado documental que albergan ao redor de figuras como Picasso, a arquiveira, docente e historiadora Olga Gallego, a fotógrafa Mary Quinteiro ou a mestra María Barbeiro, entre outros. Así o explicou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto no que estivo acompañado por directores destes centros arquivísticos autonómicos.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou a visitar as exposicións cunha “ampla e variada” actividade que permitirá “abrir un pouco máis á sociedade o valioso traballo que realizan os traballadores destes centros na custodia de documentos sobre a nosa historia e o pasado de Galicia”, expresou. Neste sentido, salientou que o Plan Xeración Cultura co que este ano a Xunta está a traballar “afonda precisamente nesa preservación do legado patrimonial e documental nun dos seus cinco eixes de actuación, coa intención de divulgalo e conservalo”.
A programación inclúe a mostra Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo, na que o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago, expón ata setembro cos documentos do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que estreará un sistema de visitas guiadas os venres ás 10,00 horas. Ademais, traballa na posta en marcha dunha exposición sobre as orixes da banca en Galicia, e outra sobre Olga Gallego, que foi directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, con motivo do centenario do seu nacemento.
O Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña ten aberta a exposición Galegas destacadas: María Barbeiro, ata o mes de xuño, dedicada a unha muller polifacética, mestra e emprendedora que promoveu e difundiu diferentes métodos pedagóxicos, como o Montessori ou o Método de proxectos, e desenvolveu unha intensa actividade de apoio social.
Tamén programará a exposición Picasso e a Escola de Belas Artes da Coruña, con motivo do 50º aniversario do pasamento do artista, na que se porá o foco a través de distintos documentos na escola como centro de formación artística do que saíron importantes creadores como Picasso e a súa irmá ou Ovidio Murguía, entre outros. Ademais, prevese unha mostra para conmemorar o Día Internacional do Patrimonio Mundial que documentará movementos migratorios cos documentos conservados no Arquivo.
80 aniversario do Arquivo de Ourense
O Arquivo Histórico Provincial de Lugo organiza a exposición A cidade e a xente IV, de fotografías de José Luis Vega dos anos 70 sobre a cidade, e Apeo da Ferrería do Incio, con motivo do Día Internacional dos Arquivos. Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra terá a exposición virtual A Casa dos Fonseca, sobre documentos vinculados ao edificio principal do arquivo e os seus propietarios anteriores. Tamén se poderá ver A arquitectura da auga, cos documentos custodiados relacionados coa arquitectura da auga: balnearios, muíños, lavadoiros, entre outros, e a exposición con motivo do centenario do nacemento de Olga Gallego que se poderá ver no Gaiás; e O fondo fotográfico de Mary Quintero, con fotografías e material do fondo ofrecido en comodato á Xunta de Galicia pola propia fotógrafa.
O Arquivo Histórico Provincial de Ourense conmemora o 80º aniversario e expoñerá A cidade de Ourense nos documentos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, na que fará un percorrido pola historia da cidade reflectindo distintos aspectos desta: as institucións, o urbanismo, a vida cotiá e as festas, entre outros. Tamén acolle as exposicións permanentes San Francisco: arquitectura e historia e Documentos Históricos de Ourense, que ofrecen un percorrido polas vicisitudes do edificio así como unha escolma de reproducións documentais monásticas.