O proxecto creará e sinalizará a Rede Municipal de Micropaisaxes, xerando unha nova oferta turística
A subvención conseguida cobre o 100% do custo do proxecto
O Concello de Cabanas, a través da área de turismo, vén de conseguir financiamento externo para a creación e sinalización da Rede Municipal de Micropaisaxes, un proxecto que se enmarca nas axudas a concellos de até 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.
Unha micropaisaxe é un recurso turístico que vai máis aló do visual, permitindo tanto a visitantes como á veciñanza desfrutar dunha experiencia que esperte todos os seus sentidos. No caso de Cabanas -que reúne no seu territorio dous ecosistemas singulares e de gran valor, como son o frondoso bosque atlántico das Fragas do Eume e a súa franxa costeira-, as micropaisaxes que formarán parte desta rede e se sinalizarán inclúen espazos naturais, muíños, patrimonio eclesiástico ou construcións indianas, configurando unha mostra de patrimonio material e inmaterial de gran valor.
“A conxunción da costa, a Fraga e o patrimonio dos que desfrutamos en Cabanas constitúe unha amplísima fonte de recursos sobre os que configurar unha extensa rede de micropaisaxes, singulares, diversas e moi atractivas, con capacidade para xerar unha nova oferta turística”, concluíu Varela.
O proxecto ten un orzamento de 29.927,08 €, financiado ao 100% coa subvención conseguida, e inclúe a catalogación destes recursos, coa realización de fotografías de alta calidade, vídeos de drone, e o deseño e instalación de balizas elaboradas a partir de materiais 100% reciclados e de alta durabilidade.