O proxecto tivo que ser revisado polo aumento de prezos dos materiais de construción
O Concello de Cabanas vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público do Estado a licitación do proxecto “Mellora da accesibilidade e dos servizos urbanos na estrada N-651 (marxe dereito sentido Ferrol), entre os pks 20+940 e 21+460, en Cabanas”, cun orzamento base de licitación de 532.267,81 €.
O pleno de Cabanas deu luz verde esta semana tanto á modificación do proxecto – que tivo que ser revisado á alza tras unha primeira licitación que quedou deserta polo aumento de prezos dos materiais de construción – como á súa licitación cos votos a favor dos grupos de goberno (PSOE, BNG e AEC). Os grupo do PP votou en contra, e Marea de Cabanas optou pola abstención.
As actuacións contempladas neste proxecto servirán para mellorar boa parte da marxe dereita da Avenida do Areal (N651 sentido Ferrol) incluíndo, entre outras, a mellora da accesibilidade, o cambio das luminarias actuais por iluminación LED, o incremento do número de pasos de peóns e a substitución das canalizacións de subministración de auga e rede de saneamento.
O goberno municipal amosou a súa satisfacción por este “paso adiante” para levar a cabo “un proxecto fundamental e de gran interese público”, xa que afecta a unha zona comercial que na actualidade carece de beirarrúas adaptadas, non dispón de pasos de peóns suficientes para garantir a seguridade das persoas viandantes e conta cunha iluminación insuficiente.
As actuacións previstas tamén inclúen a substitución da rede de subministración de auga – a actual é de fibrocemento – e as novas canalizacións de saneamento, dado que as actuais acusan un importante desgaste.
O financiamento destas actuacións, que contarán cun prazo de execución de 17 semanas, correrá a cargo principalmente do Concello de Cabanas, se ben a Deputación da Coruña aportará 180.000 € a través dun convenio de colaboración. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas até o próximo 19 de abril ás 23.59 horas.