Friday 22 de November de 2024

Numerosas actividades nas bibliotecas municipais para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil


O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Co obxectivo de fomentar nos nenos e nenas o interese polos libros e a lectura e facer diso un hábito de vida, realizaranse exposicións de libros infantís e xuvenís en todas as bibliotecas municipais.

Na Biblioteca Central Rialeda, Expo Olivia, dedicada ao autor e ilustrador Ian Falconer, recentemente falecido, coñecido polas nenas e nenos de todo o mundo por ser o creador da personaxe de Olivia, a alegre porquiña, que debuxou en 1996 como agasallo para a súa sobriña.

Nas bibliotecas de Santa Cruz e de Nós, exposicións de libros de autoras e autores gañadores dos premios Andersen, como Astrid Lindgren creadora de Pippi Mediaslongas, ou Gianni Rodari autor de Contos por teléfono, Gramática da fantasía ou Érase dos veces el barón Lamberto…

Nas bibliotecas de Oleiros e de Lorbé, mostras bibliográficas con obras de Hans Christian Andersen, con títulos como O patiño feo, O soldadiño de chumbo, O traxe novo do emperador, A princesa e o chícharo, A sereíña, etc.

Na biblioteca de Dorneda, mostra bibliográfica da autora británica de literatura infantil Julia Donaldson, da que se cumpren 75 anos do seu nacemento, autora de libros como O grúfalo, A filla do grúfalo…

Na biblioteca de Mera, mostra bibliográfica sobre a escritora galega Fina Casalderrey, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 pola súa obra Os fillos de Lúa, e sobre a ilustradora vasca Elena Odriozola, Premio Nacional de Ilustración en 2015, con obras ilustradas como A princesa que bocexaba a todas horas ou Oda a unha estrela e carteis informativos sobre a súa vida e obra. As dúas autoras foron propostas este ano, por España, para os Premios Hans Christian Andersen.

“Decora a Olivia”, actividade plástica para público infantil, na Biblioteca Central Rialeda.

Marcapáxinas para colorear, nas bibliotecas de Nós e de Lorbé.

Actividades “O que le, vístese por dentro” e “Cóntame un conto”, nas que os nenos e adolescentes realizarán recomendacións de libros, nas bibliotecas de Santa Cruz e de Lorbé.

Actividade “Teño moito conto”, na que a Biblioteca Manuel María de Oleiros proporcionará un sinxelo libriño a cada neno/a para que cre nel a súa propia historia que despois será exposta na biblioteca.

“Un libro, sempre contigo”, actividade plástica dirixida ao público infantil para a decoración dun marcapáxinas dedicado á autora Julia Donaldson, na biblioteca de Dorneda.

“Sorbos de lectura infantil”. Exporanse vasos de papel con frases de diversos libros infantís. Cada nena ou neno que colla un vaso, deberá levar ese libro en préstamo para a súa lectura, na biblioteca de Santa Cruz.