Para facilitar o desenvolvemento do proceso fíxanse distintos períodos de inscrición segundo os/as interesados/as estean inscritos/as ou non na BDT
A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo encárgase da xestión das candidaturas para participar no proceso de selección de 50 persoas para un restaurante de comida rápida de próxima implantación no parque comercial A Revolta. Como vén sendo habitual ao longo dos dez anos de vida do servizo, dende a BDT non só se realiza o proceso de intermediación entre empresas e traballadores/as, senón que ademais se poñen a disposición das empresas as instalacións do Fórum Carballo para o desenvolvemento do proceso selectivo.
Para participar nese proceso, que se realizará nas vindeiras semanas, é preciso ter entre 18 e 50 anos e residir en Carballo, concellos da comarca ou Arteixo.
Dende a BDT, un servizo municipal dependente da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, enviáronse este xoves 2.500 SMS a outros tantos usuarios e usuarias cuxos perfís coinciden cos postos solicitados: axudante de camareiro/a e encargado/a de equipo. As persoas que recibiron os SMS dispoñen de tres días para acudir ao Fórum Carballo e actualizar os seus currículos: 31 de marzo, 3 ou 4 de abril, en horario de 09.00 a 14.00. Os/as interesados deberán achegar currículo actualizado e vida laboral.
Polo que se refire ás persoas que queiran participar no proceso pero non estean inscritas na BDT, disporán de dous días, o 5 e o 11 de abril, para achegarse ata as oficinas da segunda planta do Fórum e presentar a seguinte documentación: vida laboral, currículo, DNI, documentos xustificativos da formación académica, cursos de formación ou calquera outro que consideren de interese para a procura de emprego.