Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede máis de 60 axudas a 48 concellos para mellorar a imaxe exterior de edificios, equipamentos municipais e outros elementos públicos


— Enrique de Salvador enmarca o éxito do programa no compromiso municipal co fermosismo e salienta que, por terceiro ano, se esgotaron os fondos da convocatoria

— O importe máximo das subvencións outorgadas ascende a 40.000 euros por concello

A Xunta concederá este ano 63 axudas por un importe global de 1 millón de euros a 48 concellos de toda Galicia para apoialos no financiamento de obras e actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior de edificios públicos, equipamentos e outros elementos e instalacións de titularidade municipal, reducindo deste xeito o impacto paisaxístico que causan sobre a contorna.
Durante unha visita ao Concello de Curtis para comprobar o resultado de dúas intervencións subvencionadas o ano pasado con cargo a este mesmo programa, o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, explicou que hoxe mesmo se publicou no Diario Oficial de Galicia a relación de municipios beneficiarios así como o importe concedido en cada caso.
Este é o terceiro ano consecutivo no que o IET, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, convoca dúas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos: unha dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes e a outra, a propietarios particulares.
No caso da liña reservada ás entidades locais, Enrique de Salvador salientou o feito de que, unha vez máis, se volveran esgotar os fondos asignados á convocatoria deste ano, 1 millón de euros, e atribuíu o éxito cada vez maior que espertan estas axudas entre os concellos ao seu compromiso co fermosismo e coa aposta polo coidado e a protección da paisaxe en todas as súas formas.
A orde de axudas prevía dúas liñas de actuación diferenciadas para emendar posibles impactos paisaxísticos, por un lado, en edificios e equipamentos destinados a servizos públicos; e, por outro, en construcións municipais doutro tipo e bens que integran o patrimonio etnográfico local, en especial, fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros.
As axudas cubrirán ata o 70% do custo total estimado das obras, cun límite de 20.000 euros por cada unha das liñas subvencionables. Deste xeito, o importe máximo concedido este ano ascende a 40.000 euros por concello.
Así mesmo, as entidades beneficiarias que así o indicaran no momento de presentar a súa solicitude poderán percibir un anticipo de ata o 70% do importe da axuda co fin de facilitar o inicio e a execución das actuacións previstas.
Lavadoiro de Santaia e edificio de usos múltiples
Nesta liña, o Concello de Curtis recibiu dúas subvencións ao abeiro da convocatoria de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos de 2022. De feito, o director do IET, acompañado do rexedor municipal, Javier Caínzos, visitou hoxe o lavadoiro de Santaia, localizado nunha zona con varios elementos patrimoniais catalogados e que foi obxecto dunha completa intervención sobre a cuberta, os paramentos laterais, os piares e o propio lavadoiro grazas a unha axuda do IET de 7.276 euros.
Así mesmo, tamén se desprazaron ata o edificio de usos múltiples municipal, onde o Concello de Curtis acometeu a renovación do acabamento exterior das fachadas así como a limpeza da cuberta de chapa metálica e a substitución de canles e baixantes, traballos para os que recibiu outra subvención, neste caso por importe de 20.000 euros.