Saturday 23 de November de 2024

O Goberno de Sánchez Bugallo saca adiante, co apoio de todos os grupos municipais, a creación do Consello do Medio Rural


Tamén saiu adiante, por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal, a aprobación da solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas; e a aprobación definitiva do Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na rúa do Penedo, número 56 a 68.

 

O Pleno do Concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas machistas. A continuación aprobou a urxencia dunha moción e de dúas declaracións institucionais e deu luz verde á creación do Consello de Medio Rural e o seu regulamento.

O Regulamento do Consello de Medio Rural foi aprobado cos votos a favor de todos os grupos municipais, a excecpción do concelleiro non adscrito que se abstivo. Este documento será o que regule o Consello de Medio Rural, definindo as súas funcións e dotándoo de estrutura e regras de funcionamento, que fagan posible a participación efectiva da veciñanza do rural nos asuntos municipais que lle afecten.

Trátase, segundo explicou a concelleira de Medio Rural, Begoña Rodríguez, “dunha cuestión á que nos comprometemos todos e todas cando asinamos o Pacto polo rural por unanimidade”. Coa creación do Consello, engadiu, “reafirmámonos no compromiso adquirido coa veciñanza do rural”. O seu obxectivo, continuou, “é articular unha canle para a participación da veciñanza do rural nos asuntos que lle afectan.

Segundo o artigo 3 do Regulamento do Consello do Medio Rural o obxectivo do Consello é canalizar a participación comunitaria nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, e a elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

O Consello Municipal do Medio Rural estará integrado por unha presidencia, que ostentará o alcalde ou alcaldesa; unha vicepresidencia integrada por dous vicepresidentes/as, un deles a persoa titular da concellaría competente para asuntos de Medio Rural, e o outro designado polo Consello a proposta da presidencia; e os vogais: seis persoas que representen ás asociacións veciñais do ámbito rural do concello e un representante de cada un dos grupos políticos que integren a Corporación Municipal.

As sesións ordinarias terán unha periodicidade semestral. Así mesmo, o Consello celebrará sesións extraordinarias cando o decida a presidencia, por propia iniciativa ou por solicitude dun terzo dos compoñentes. A duración do mandato dos membros do Consello será de catro anos.

 

O alcalde sinalou que por fin “chega” este Consello do Medio Rural. “Non chegou nin tarde nin cedo, con algún dos outros dous gobernos anteriores, que nos dan moitas leccións, pero non o fixeron”. O alcalde recordou á oposición que “o investimento no rural” durante este mandato “é igual ou superior a calquera etapa anterior. Superior a cando gobernou o PP e semellante, se non superior, a cando gobernou Compostela Aberta, e nun escenario moito máis complicado que o daqueles anos”. O rexedor lembrou que en marzo de 2020, foi porque houbo unha pandemia a nivel mundial que alterou “todo”. “Tivemos”, continuo”, que atender as persoas, o comercio, a hostalería, e os servizos”

A continuación, referíndose o Grupo Popular, indictou que “está ben que dean leccións, pero non sei moi ben de que. Cantos consellos se reuniron na epoca que gobernaba o PP? O Consello Económico e Social nunca. E tampouco se reuniu nunca con Compostela Aberta. Que pasou co concurso da auga? Todos nos esquecemos. Gran parte da financiacion par eses investimentos de saneamento estaban vinculados ao concurso da auga. Quen bloqueou a convocatoria? CA, PP e BNG; os tres xuntos. O concurso está bloqueado e os 18 millóns de euros previstos en investimentos urxentes para saneamento no rural tamén quedaron bloqueados, Ninguén asume a responsabilidade dos seus actos, e todos lle traspasan a responsabilidade a outros”.

Tamén saiu adiante, por unanimidade de todos os membros da Corporación Municipal, a aprobación da solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual do PXOM para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas; e a aprobación definitiva do Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na rúa do Penedo, número 56 a 68.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, o obxecto deste documento “é definir as condicións e criterios comúns que se deben seguir no ámbito, para o tratamento das fachadas e outras actuacións de accesibilidade, e en particular, para a futura implantación de ascensores. E fin último: que se adopte unha solución conxunta que permita manter o carácter unitario do conxunto, tal e como establece a ordenanza 9A, de aplicación nestes inmobles”.

Desbótanse, por inviables, a instalación de ascensores por dentro dos inmobles e pola fachada principal; e aprovéitase, segundo figura no estudo de detalle, a zona deportiva e os espazos públicos do parque de Ponte Pereda, para dotar de nova accesibilidade a estes edificios pola parte posterior.

A proposta de ordenación foi exposta ao público e notificada persoalmente a todolos afectados. Mercedes Rosón sinalou que se recibiu “unha única alegación por parte da comunidade de propietarios do conxunto, que agrupa os sete portais. Dita alegación valoraba positivamente a intervención, se ben facía algunhas consideracións e suxerencias que entendía podían mellorar proposta” O documento presentado para a aprobación definitiva, confirmou a concelleira de Urbnismo, “recolle no esencial todas as suxerencias aportadas pola Comunidade de propietarios”.