Desde hai uns días están en marcha as obras financiadas polo POS+ provincial que permitirán conectar ao saneamento un total de dez vivendas do núcleo do Feal, na parroquia fenesa de Magalofes. O investimento no proxecto ascende a 76.113,73 euros e non será o único que se acometerá no territorio co obxectivo de ampliar a rede de condución de augas residuais. E é que en breve entrará en funcionamento o sistema xa instalado en Sillobre, na subida da Lagarteira, Orra e Rañoa -148.969,15 euros de investimento de fondos propios municipais- e o Concello de Fene tamén licitará novos saneamentos -algúns acompañados de abastecementos- noutros puntos do territorio.
Os traballos que se están desenvolvendo no Feal consisten no soterrado das conducións xunto coa preparación dos puntos de conexión aos domicilios, ademais dos pozos de rexistro e as válvulas necesarias, sobre unha distancia duns 420 metros.
Do que se trata, a grandes trazos, é de pechar un anel unido ao colector xeral que discorre pola estrada As Picas-O Pedrón. A decena de vivendas que se beneficiarán da infraestrutura encóntranse por debaixo da cota desa estrada, razón pola que cumprirá instalar equipamento de bombeo que asegure a correcta circulación das augas residuais pola nova rede ata chegaren á condución principal.
O alcalde, Juventino Trigo, e os responsables de Obras e de Servizos, Justo Ardá e Sandra Permuy, visitaron este mércores a zona do Feal para ver de preto a evolución das obras e para intercambiar impresións coa veciñanza sobre os pormenores dos traballos. “Os veciños e veciñas levaban tempo demandando este servizo que en breve contamos ter listo. Agradecémoslles a súa comprensión polas molestias que lles están ocasionando as escavacións e o movemento de maquinaria e materiais durante estes días, aínda que estean motivadas por unha mellora moi necesaria”, comentou o rexedor.
Saneamentos noutros puntos do territorio
Na obra do Feal investiranse algo máis de 76.000 euros e non é a única intervención sanitaria proxectada polo Concello que ou ben está en marcha ou ben está pendente de licitación.
No primeiro caso encóntrase o saneamento da subida da Lagarteira, Orra e Rañoa, en Sillobre, xa executado por un importe cercano aos 149.000 euros e que neste momento só agarda que UFD dea a autorización de enganche do bombeo á rede eléctrica.
Outros proxectos son o da pista do Castelo e a estrada de Laraxe, en Limodre, que se licitará en 180.286 euros -inclúe saneamento e abastecemento de auga-, e a renovación do firme da trama formada polo camiño do Castro e a rúa Beiramar, en Barallobre, cuantificado en 319.929,94€, que tamén prevé o soterrado de tubaxes para o tratamento de augas residuais.
Tanto estas actuación como outras relacionadas coa rede viaria e abastecementos están acollidas na súa maioría aos plans de obras provinciais, cuxa licitación debe ir precedida a maioría das veces de autorizacións doutras Administracións públicas. “Somos un territorio peculiar, posto que moitos dos servizos básicos que proxectamos anualmente están afectados por estradas de titularidade estatal, autonómica e provincial, por infraestruturas ferroviarias ou polo Camiño de Santiago. Antes de licitar ningunha obra que teña afeccións dese tipo debemos contar cos informes favorables de cada administración, algo que ralentiza moito os procesos de contratación e execución”, comenta o responsable de Obras, Justo Ardá.
Neste sentido, Juventino Trigo engade que o consistorio está en conversas coa Xunta, o Goberno do Estado e a propia Deputación da Coruña, “para conseguir a cesión de varias estradas, o que axilizaría moito a tramitación de proxectos tanto para nós como Concello como para a veciñanza que precise facer algunha obra en zonas de afección”.