Thursday 21 de November de 2024

A Xunta de Galicia anuncia un investimento de máis de 590.000 para renovar as fiestras e o illamento exterior do CPI Cernadas de Castro


O Concello de Lousame renovará o teito do pavillón de infantil e fará unha pasarela para aproveitar mellor o patio cuberto

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitou esta mañá o CPI Cernadas de Castro para anunciar un investimento de máis de 590.000 euros para levar a cabo a substitución das fiestras e a renovación do SATE (sistema de illamento térmico exterior) do edificio de infantil e da parte nova do edificio principal. Unhas obras que serán acometidas durante o verán de 2023 para que o colexio estea listo para o inicio do curso 2023-2024.

Gonzalo Trenor e Teresa Villaverde estiveron acompañados na súa visita ao centro pola directora do colexio, Pilar Cobas que xusto hoxe renovaba o seu posto canda o seu equipo directivo, e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana. “Imos licitar inmediatamente unha actuación moi importante por 590.000 euros para proporcionarlle ao centro un illamento exterior e para substituír todas aquelas fiestras por un modelo moito máis actual que mellore tanto o illamento térmico como acústico”, anunciou o delegado da Xunta, quen salientou que “este é un dos centros onde a colaboración entre o equipo directivo do colexio e o Concello é máis evidente”.

Trenor asegurou que “son moitas as actuacións que fan conxuntamente e, no labor de mantemento, Lousame é dos municipios onde mellor está a funcionar esa colaboración. Polo que, ademais de anunciar esta nova inversión, quero felicitar á alcaldesa e á directora por esa colaboración que redunda nunha mellora do propio centro e nas condicións nas que traballa o profesorado e estudan os nenos”.

Colaboración

Teresa Villaverde agradeceulle á Consellería de Educación que “durante todos estes anos fixeran moitas inversión no centro, que as necesitaba”, se ben adiantoulles que “seguiremos pedindo, porque sigue necesitando cousas. Este mesmo patio no que estamos hai que agradecerllo á Xunta pero tamén á comunidade escolar, así como outras actuacións que se fixeron na cociña, no patio, no edificio…”.

De feito, a alcaldesa de Lousame xa adiantara, durante o debate dos orzamentos municipais, que en breve se ía concretar este investimento. Unha actuación á que haberá que sumar as previstas no proxecto de mellora da rede de saneamento e nova depuradora de Lousame. Ademais de dar servizo a varios núcleos do municipio (Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa), fará o propio coa piscina e o polideportivo municipal, así como ao colexio Cernadas de Castro.

Por outra banda, Villaverde País puxo en valor “a colaboración do centro educativo, cuxa Dirección sempre nos trasladou todas as incidencias e demandas que teñen, ademais da súa colaboración á hora de acometer as melloras. O Concello estará sempre para colaborar co colexio, non só en obras senón tamén na organización de todo tipo de actividades de igualdade e educativas”.

Próximas obras

Finalmente, Pilar Cobas, agradeceulle á Xunta de Galicia que “o noso centro fose un dos elixidos no marco do programa de Arquitectura Pedagóxica e ao Concello porque a colaboración con eles foi plena dende o primeiro momento. Hoxe mesmo renovamos a Dirección por outros 4 anos, cando levamos 8 xa, e facémolo por iso, porque traballamos a gusto no centro e iso debémosllo ao profesorado, ás familias, ao concello e á Xunta”.

Así mesmo, anunciou que “ademais desta gran obra que chega da Xunta, en colaboración co Concello de Lousame imos abordar dúas obras máis pequenas como a renovación do teito do pavillón de infantil, que é a única que non ten a cuberta nova, e poremos unha pasarela entre dúas zonas cubertas porque temos problemas de humidades e ás veces queda desaproveitado o patio cuberto cando chove moito”. Unha pasarela a base de planchas de policarbonato de cores.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”. Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Tal e como sinalou o delegado da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191 millóns de euros, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos. Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.