Friday 22 de November de 2024

Máis de sesenta mulleres asistiron á presentación dos cursos gratuítos de competencias dixitais


Colaboran na organización da iniciativa a Consellería de Emprego e Igualdade e o Equipo comarcal de inclusión sociolaboral.

Esta mañá tivo lugar na Casa da Cultura a xornada de presentación dos cursos gratuítos en competencias dixitais dirixidos a mulleres en situación de desemprego. O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, foi o encargado de dar á benvida ás máis de sesenta participantes e de agradecer a colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Equipo comarcal de inclusión sociolaboral para poder celebrar esta iniciativa na Laracha.

A sesión, ademais de explicar en que consiste o programa e avanzar os contidos das accións formativas, tamén serviu para coñecer as capacidades actuais das participantes e, a partir delas, definir que tipos de cursos formativos se realizarán na Laracha, con estas tres posibilidades:

• Curso de competencias dixitais básicas, que sirva para aproveitar as posibilidades que ten o acceso á información, a creación de contidos, o uso das tecnoloxías para a comunicación e a resolución de problemas básicos.

• Curso de competencias dixitais básicas para o emprendemento, enfocado ao e-commerce e redes sociais para facer compras e búsquedas con seguridade e crear o propio perfil dixital profesional.

• Curso de competencias dixitais avanzadas, unha formación destinada a entender a complexidade das tecnoloxías dixitais e aproveitar a súa riqueza no día a día.

Todos os cursos teñen unha duración de 45 horas, impartiranse entre os meses de abril e maio e están homologados a través dos certificados emitidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. As mulleres que forman parte da iniciativa, e tendo en conta as posibles dificultades de acceso a equipos tecnolóxicos, recibirán unha tablet para emprego persoal coa que poderán quedar no caso de finalizar con éxito a acción formativa.

O Concello da Laracha leva a cabo esta proposta coa fin de reducir a brecha dixital e mellorar as capacidades das mulleres en situación de desemprego. Faise coa colaboración da Xunta de Galicia e do Ministerio de Trabajo y Economía Social, e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.