Saturday 16 de November de 2024

O Centro García Sabell converterase nun equipamento de referencia para levar a cabo medidas de inclusión social e laboral


O edificio, situado na praza de Esteban Lareo, foi totalmente reformado grazas a un investimento de máis 500.000 euros achegados polo Concello e os Fondos Eidus

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe as instalacións do Centro García Sabell, situado na Praza de Esteban Lareo. O equipamento foi totalmente renovado no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Eidus Coruña. O importe da adxudicación da obra foi de 521.171,20 € (IVE incluído), que contou co financiamento de fondos da Estratexia EDUSI por importe de 416.936,96 euros, achegando o importe restante 104.234,24 euros o Concello da Coruña. A empresa adxudicataria da obra foi Desarrolla Obras y Servicios, S.L. e o prazo inicial de execución foi de 16 semanas.

A alcaldesa, Inés Rey, explicou que “con iniciativas como este Centro García Sabell, A Coruña avanza cara ese modelo de cidade máis social que vimos deseñando coa posta en marcha doutros espazos como o Kiosko Down ou o Espazo Xuvenil do Remanso”. O Centro García Sabell será un espazo de referencia para albergar dispositivos de acompañemento para a inserción social e laboral de persoas en risco ou en exclusión social. A reforma acometida permitirá levar a cabo unha atención específica, personalizada, transdisciplinar e axeitada ás necesidades detectadas, sempre coa activa participación da persoa á que vai dirixida, protagonista absoluta do deseño do seu circuíto cara a súa inserción social e laboral. O centro, que permanecía pechado desde o ano 2014, ofrecerá un servizo público de calidade aos seus usuarios.

No novo equipamento traballarán equipos técnicos tanto da administración local, como de entidades do terceiro sector especializadas en atención a colectivos altamente vulnerables.
O dispositivo de atención á cidadanía é colaborativo, conformado por persoal da Área de Benestar Social e de Emprego. A estes equipos poderá incorporarse o persoal técnico de entidades do terceiro sector especializado nos colectivos presentes no territorio. “Unimos unha vez máis benestar social e emprego, unha liña de colaboración que vai demostrando o seu éxito como no programa Coruña Suma que remata esta semana coa inserción laboral de 1.122 personas, 698 mulleres e 424 homes” sinalou a Inés Rey.

A actuación realizada consiste na remodelación total da planta semisoto do inmoble, con 633,82 metros cadrados de superficie construída. Ese espazo estaba dividido en numerosas salas e despachos distribuídos ao longo dun corredor central que agora se redeseñaron para acoller catro espazos que poderán funcionar de forma autónoma e que terán accesos independentes. O obxectivo é dispoñer de salas diáfanas e flexibles para desenvolver múltiples actividades nas que haberá un espazo de almacenaxe para o mobiliario que permitirá deixar o resto libre se fose necesario.