Saturday 16 de November de 2024

O Rally da Coruña volve á praza de María Pita con máis dun cento de pilotos inscritos


Este venres terá lugar na praza a cerimonia de apertura, na que haberá unha sesión de autógrafos coas grandes figuras desta edición e onde a cidadanía poderá coñecer de preto os vehículos

A Coruña e a súa área de influencia acollen este venres e sábado a XXVII edición do Rally da Coruña, na que participarán un total de 113 pilotos e estarán presentes todas as copas de promoción do Campionato Galego de Rallys. A praza de María Pita será o epicentro desta edición e onde estará instalado o parque pechado de vehículos.

Está previsto que os participantes cheguen á praza arredor das 19.00 horas deste venres.
Ás 20.00 horas terá lugar unha cerimonia inaugural, na que haberá un coloquio cos principais pilotos e favoritos para gañar a proba e unha sesión de firma de autógrafos. A cidadanía poderá ver máis de preto os coches, que se exhibirán durante unhas horas na praza para despois pasar a noite no polígono de Vío.

O sábado comezará o Rally da Coruña ás 08.00 horas. A proba transcorrerá polos concellos de Coirós, Aranga, Arteixo, Culleredo e Cerceda. Está previsto que os primeiros clasificados cheguen á praza de María Pita arredor das 21.15 horas. Alí terá lugar a cerimonia de entrega de trofeos.

O Concello da Coruña amosa con esta cita o seu compromiso co deporte e achega ácidadanía a mellor competición de motor de Galicia. O Goberno de Inés Rey continúa a promover grandes eventos deportivos na cidade, que o 23 de abril acolle a carreira popular C10, a máis multitudinaria do conxunto de probas que se programan na Coruña.