Saturday 16 de November de 2024

A veciñanza maior da Pobra poderá participar nunha nova edición do programa de envellecemento activo


Un ano máis, o Centro Sociocomunitario e de Benestar da Pobra do Caramiñal albergará unha nova edición do programa de envellecemento activo cos obxectivos de contribuír a que a veciñanza maior viva no seu entorno o máximo posible, se poida valer por si mesma nas actividades cotiás e siga formando parte activa da sociedade.

A iniciativa divídese en dous semestres. No primeiro, a musicoterapia transcorrerá nos mércores dende o día 12 de abril ao 1 de xuño, en dúas quendas: de 17.30 a 18.45 horas e de 18.45 a 20.00 horas, da man de Ignacio Crespo; mentres que o envellecemento activo desenvolverase nos venres do día 14 de abril ao 2 de xuño, en horario de 18.00 a 19.30 horas, a cargo de persoas voluntarias da Cruz Vermella. Xa no segundo semestre, a musicoterapia impartirase do día 4 de outubro ao 13 de decembro, e o envellecemento activo terá lugar dende o día 6 de outubro ao 24 de novembro. Haberá un parón estival nos meses de xullo e agosto.

O director do centro, Ricardo Lago, incide na importancia do programa deseñado para potencia-la estimulación cognitiva, hábitos de vida saudables, autonomía e benestar persoal. Preténdese así “evitar ou retrasar na medida do posible signos de deterioro físico ou cognitivo”, apunta.

A este respecto, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), destaca a participación elevada nas anteriores convocatorias e traslada o apoio da Administración local aos proxectos que melloran a calidade de vida da cidadanía. Tamén indica que os bloques temáticos responden ás peticións efectuadas polas persoas asistentes en anteriores ocasións, polo que resultará moi dinámico.

Ofértanse un total de 30 prazas e a matrícula poderá formalizarse a partir de mañá nas propias instalacións do Centro Sociocomunitario e de Benestar.