Friday 22 de November de 2024

Unha vintena de persoas asistiron onte á clase maxistral de guitarra a cargo de Cabe García


A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Mocidade, Pablo Mauriz, desprazáronse onte á tarde á Casa da Mocidade con motivo da celebración dunha clase maxistral de guitarra a cargo de Cabe García, recoñecido músico da comarca cunha dilatada experiencia no mundo da música. Unha vintena de persoas acudiron a esta actividade, de balde, organizada dende a Concellería de Mocidade, que dirixe o edil Pablo Mauriz.

Ao longo da convocatoria os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a traxectoria profesional de Cabe García e tamén aprender da súa técnica musical, concretamente neste caso coa guitarra. García realizou un percorrido no que o público constatou a influencia na súa música de diferentes estilos e tamén, durante as dúas horas da clase, amosou a técnica do fingerpicking.

“Esta actividade impulsada dende o Concello aposta por diversificar o traballo e as propostas que se levan a cabo na Escola de Música Moderna de Narón e a acollida que tivo foi moi boa, polo que continuaremos apostando por programar este tipo de sesións na cidade”, asegurou Ferreiro.