Friday 22 de November de 2024

O Concello de Cerdido aconsella aos veciños e veciñas propietarios de terreos afectados polo parque de Badulaque non asinar ningún documento


• A empresa adxudicataria do parque estase poñendo en contacto con eles para comezar os trámites, adiantándose aos prazos establecidos

• Segundo indica o alcalde, Benigno Galego “aínda quedan varios pasos que dar, polo que non queremos que a veciñanza se precipite”

• En canto se faga pública toda a información, desde o Consistorio indican que van a ofrecer á veciñanza, na medida do posible, as ferramentas necesarias para tomar as decisións que consideren oportunas

O alcalde de Cerdido, Benigno Galego, aconsella aos veciños e veciñas afectados pola adquisición de terreos do parque de Badulaque non asinar ningún documento ata acadar toda a información relativa á adquisición das parcelas.

Galego subliña que “aínda quedan varios procesos por realizarse, polo que non queremos que a veciñanza se precipite e asine algo que pode que ao final non se leve a cabo”.
Segundo explica o rexedor “teñen que saír a exposición pública os terreos que van a ser de utilidade, polo que nestes momentos a información que obtida por todas as partes para a cesión das parcelas para colocar os eólicos é limitada”.

Na actualidade a empresa Enel Green Power, a adxudicataria para levar adiante o parque eólico de Badulaque, estase poñendo en contacto cos veciños e veciñas para realizar os trámites, adiantándose aos prazos para que se faga pública toda a información.

Por todo 30isto Galego suxire aos veciños e veciñas que non asinen ningún documento “sen posuír toda a información, xa que todavía quedan moitos pasos por dar e todavía non está asegurada a execución deste parque eólico”.

Engadiu que en canto se fagan públicos todos os datos, “desde o Consistorio imos axudar a todos os afectados a realizar os procedementos correspondentes a través dunhas xornadas informativas ou mediante algún outro mecanismo que facilite todos os coñecementos posibles aos afectados e afectadas para que deste xeito poidan tomar a decisión con todas as cartas enriba da mesa”.

Lembremos que o organismo municipal xa se posicionou en contra da tramitación deste parque eólico situado na zona, para o que non se contou coa aprobación de ningún dos estamentos públicos nin coa opinión da veciñanza.