A solicitude só pode facerse en liña e hai de prazo ata o día 15 para presentala
Achégase de novo o 23 de Abril, a Feira do Cabalo, a cita co mundo ecuestre máis agardada da comarca. Este ano o día de San Xurxo coincide en domingo o que facilitará unha maior afuencia de público. Volven os tradicionais concursos de trote e andadura, con premios por valor de 5.000 € entre trofeos e contías en metálico. O programa da xornada ecuestre xa está listo e, logo do bo resultado que deu o pasado ano, as inscricións nas distintas probas só poderán facerse por vía electrónica ata o 15 de abril a través deste formulario. As bases de participación poden consultarse nestoutro enlace.
O principal atractivo do 23 de abril é, sen dúbida ningunha, o concurso ecuestre e o trato de poldros, eguas e cabalos, mais tamén todo o conxunto que ofrece a feira, os seus produtos agrogandeiros, ferramentas e roupa, os saborosos churros, o churrasco e o imprescindible polbo de calquera boa feira. De novo este ano teremos ás 17:00 h, ao lado do Polideportivo Municipal, o espectáculo de danza ecuestre, unha actuación benéfica a favor da Asociación Española de ELA. As entradas poderán mercarse no Concello a partir do 4 de abril en horario de mañá.
Consolídase a inscrición telemática para participar nas probas ecuestres que se van desenvolver ao longo da xornada do 23 de abril, algo que xa é habitual en moitos eventos destas características. Tal e como se establece nas bases, as persoas que queiran participar deberán cubrir todos os datos solicitados neste formulario en liña, no prazo comprendido entre o 30 de marzo e o 15 de abril.
Teranse que indicar, entre outros datos, os do rexistro do animal, a categoría ou categorías en que se inscribe e tamén os da persoa propietaria e de quen se encargue do transporte. Todo o procedemento está especificado nas bases; o sistema de inscrición remitirá un correo automático de confirmación (aconséllase revisar a carpeta de correo non desexado).
Lémbrase que no propio día da feira non se poderán facer inscricións, co obxectivo de evitar esperas a primeira hora da mañá e axilizar así o comezo das probas. Será obrigatorio ter á man a documentación, que poderá ser requirida pola organización en calquera momento.
5.000 euros en premios
As contías dos premios que se entregarán van desde os 75 aos 300 euros, ademais dos correspondentes trofeos. Os galardóns están reservados para as cinco mellores evolucións nos apartados de Andadura chapeada e Andadura serrada, subdivididas á súa vez nas categorías para monturas inferiores e maiores de 1,5 metros de altura á cruz. Tamén se organiza o concurso de Trote, nese caso con premios para os tres mellores percorridos feitos con animais de menos de 1,5 metros e outros tres para os realizados en eguas ou cabalos maiores desa altura.
Nesta nova edición de 2023 a Xunta Directiva actual da Asociación Ecuestre 23 de Abril, comunicoulle ao Concello xa a comezos de ano que seguían sen ter relevo e que non serían entidade organizadora, “aínda que si se ofreceron a botar unha man”, tal e como comenta a alcaldesa, Beatriz Bascoy. A rexedora engade, porén, que a entidade informou recentemente de que “están preparando os trámites e procedementos legais, requiridos en calquera entidade sen fin de lucro, para que en non moito tempo haxa novos membros que de cara ao ano 2024 permitan que a organización volva á forma tradicional, nas mans da propia Asociación Ecuestre 23 de Abril”.
O Concello puxo en marcha os preparativos do evento nos primeiros días do ano co fin de contar cos medios materiais, a axuda económica e os recursos humanos necesarios. Á marxe da aprobación das bases de desenvolvemento na carreira, o consistorio publicará en breve tamén os requisitos para solicitar os espazos e postos que só acoden o día do 23 de abril, reservas que ata agora xestionaba directamente a Asociación Ecuestre 23 de Abril mediante un convenio co Concello como vía de financiamento da organización da feira.
Tamén están tramitados os permisos perante a Xunta e neste sentido cabe destacar que a autorización de concentración equina da Consellería de Medio Rural establece a obriga de comprobar o estado dos animais participantes e non autoriza a descarga dos que manifesten síntomas compatibles coa influenza equina ou outras enfermidades.
Así mesmo, xestionáronse os permisos coa Deputación da Coruña de cortes de estrada, coa Delegación do Goberno a presenza de persoal de seguridade, do plan de prevención de riscos, da regulación do tráfico, a habilitación de aparcadoiros, a instalación de valados e outro equipamento como megafonía, ambulancias, e contratación de servizos veterinarios. Nos próximos días desenvolverase a reunión de coordinación coa Garda Civil e Protección Civil, de cara á organización do dispositivo de seguridade para que a feira se desenvolva con normalidade.
Desde o Goberno local agradécese a colaboración dos concellos das Pontes, San Sadurniño, Valdoviño, Narón, Neda e Ferrol, así como a de Navantia, “que contribúen á organización achegando material e desprazando agrupacións municipais de Protección Civil”, apunta a alcaldesa.
O Concello tamén quere expresar un agradecemento especial “ás persoas que a titulo individual seguen colaborando co evento, así como aos veciños e veciñas que ano tras ano deixan os seus terreos para facilitar os aparcadoiros e a celebración da feira”.
Segundo Beatriz Bascoy, o 23 de Abril “será unha excelente oportunidade para vivir unha das feiras con maior tradición de toda a comarca e ao tempo aproveitar para coñecer Moeche, o seu patrimonio, a paisaxe e a gastronomía”.