O alcalde e candidato á reelección presentou a súa candidatura nunha Sala Capitol completamente chea, nun escenario moderno e ó son da canción “A Santiago voy”. Sánchez Bugallo marcou como obxectivo claro seguir gobernando en solitario para facer que “Santiago conte” e facelo “contando con todos”.
“O noso reto hoxe é ser a cidade na que nós queremos vivir”. Ese é o propósito co que Xosé Sánchez Bugallo se presenta a reelección porque “non vale nin un Santiago duns nin doutros, só vale o de todas e todos” e “ese Santiago plural e inclusivo só o podemos construír nós”.
Un futuro ilusionante e no que todos conten. Baixo esa premisa o candidato á reelección deixou claro que “somos os únicos que podemos integrar a todas e todos, ese é o noso valor”, reafirmándose na idea de que “a única hipótese certa é que imos a gañar as eleccións”.
Sánchez Bugallo que nun emotivo acto tivo tamén palabras de agradecemento para “cada concelleiro, cada traballador e cada funcionario” que o acompañou “neste camiño que empezamos hai catro anos”. Bugallo quixo deixar claro que “este non é o punto de chegada”, apelando á confianza dos vecinos e veciñas “para facer o mesmo que vos prometín entón, facer que Santiago conte; pero tamén un Santiago no que todas e todos contemos”.
“Necesitamos que Santiago siga recuperando a iniciativa, o liderado, seguir sendo a vangarda cultural de Galicia, o polo científico do país, a referencia dos avances sociais do noso tempo e en materia de inclusión”, destacou o alcalde como prioridades, recoñecendo que a pesar das dificultades atravesadas nun mandato marcado pola pandemia e os seus efectos sociais e económicos, “conseguimos recuperar o futuro, aprendendo que incluso un equipo pequeno, sólido, unido e con ganas de saír adiante, pode triunfar”.
“De todos os anos que levo en política municipal, este foi o tempo máis duro, o máis esixente; no esforzo físico e no emocional”
“Este momento esixiu o mellor de nós mesmos, os maiores esforzos e os maiores recursos”, explicou un Sánchez Bugallo emocionado. “Chegamos cheos de plans, e a Covid fíxonos aparcar os nosos proxectos e ocuparnos integramente das persoas”, cubrindo “as urxencias e programando as saídas. Correndo e atando os cordóns”. E “reactivando” o Concello “tras oito anos de parón forzado por falta de xestión”.
“Necesitabamos saír da pandemia por onde máis sufriramos, pola hostalaría, o comercio, a cultura e o emprego” explicou Sánchez Bugallo, que sinalou ademais que “nós apostamos por recuperar o turismo, por impulsar o movemento de persoas e porque sabiamos que aí era onde máis sufrira o tecido empresarial de Santiago”. Vistos os resultados, cun 2022 que bateu todos os récords en datos de visitantes, cuns polígonos industriais en crecemento e os mellores datos de emprego en décadas: “volvemos estar onde queríamos estar”.
Desbloquear unha cidade
“Ás veces non somos capaces de ver o traballo feito, pero xuntos e xuntas conseguimos moitas cousas: o impulso de grandes contratos aparcados e que estaban en precario desde hai anos, a redacción dun mapa para construír un proxecto de cidade claro na Axenda 2030 e no Plan de Mobilidade, e modernizar unha administración que en 2019 estaba completamente obsoleta”, explicou Sánchez Bugallo.
A pesar dun gran relato de logros alcanzados “desbloqueando unha cidade que viña de dous mandatos de parálise”, o alcalde recoñeceu que “non se puido facer todo o que quixemos” e mostrou a súa disposición a “rematar o que comezamos” porque “creo que estamos no bo camiño para facer de Santiago non só a capital de Galicia, senón a cidade de referencia do noso país”.
“Chega o momento de mimar aos nosos veciños e veciñas”
Logo de anos duros de xestión social e de crise, o candidato á reelección non ocultou a súa ilusión para os próximos anos nos que “desbloqueados os grandes contratos, poderemos centrarnos nos detalles, coidar máis dos barrios e impulsar máis aínda o noso rural”.
Sánchez Bugallo amosouse convencido de que “cun equipo pequeno, sólido, unido e con ganas puidemos triunfar e poderemos volver a triunfar”. Seguro dun resultado que “nos permitirá seguir gobernando sós” pediu a confianza dos vecinos e veciñas para “continuar traballando para que Santiago conte, pero tamén un Santiago no que todas e todos contemos”.
Á intervención de Sánchez Bugallo seguiulle un gran aplauso, extensivo a unha candidatura plural, na que, ademais dos valores personais e humanos, destaca a profesionalidade e eficiencia de todos os membros que compoñen a lista: Xosé Sánchez Bugallo, Mercedes Rosón, Xaquín Fernández Leiceaga, Mila Castro, Sindo Guinarte, Marta Abal, Gonzalo Muíños, Marta Álvarez, Toño Bermúdez, Isabel Gómez Cambón, Aitor Bouza, Begoña Rodríguez, Rafael Sexto, Ana Carricova, Antonio Llovo, Jimena Sierra Vázquez, Suso Peón, Silvia Iglesias, Pablo Seoane, María Moure Ramos, Gabi Rama Rodríguez, María Sesar, Juan Suárez, Joaquín Buergo del Río, e Pilar Cancela.