76 nenas e nenos do CEIP Bergantiños visitaron hoxe pola mañá a casa do concello. Despois da visita que realizou semanas atrás o alumnado de segundo curso de primaria, hoxe foi a quenda da rapazada de terceiro, e xa temos programada outra visita dos de cuarto curso para o mes que vén.
A visita de hoxe comezou coa recepción dos nenos e nenas no salón de plenos por parte do alcalde, Evencio Ferrero, que nesta ocasión estivo acompañado polo concelleiro Luis Lamas e que, como é habitual, tivo que responder a todo tipo de preguntas, unhas máis persoais e outras máis relacionadas coa súa actividade política.
O percorrido polas dependencias municipais incluíu distintos departamentos e rematou nas dependencias da Policía Local, que son as preferidas dos escolares, e marcharon todos contentos coas súas mochilas, que esta vez levaban dentro un estoxo.