Asegura que, fronte aos desafíos do independentismo catalán, Galicia “está plenamente concernida porque se pon en perigo un sistema institucional que posúe dous avais: o respaldo democrático dos seus cidadáns, e uns resultados que permitiron superar numerosos déficits históricos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou os progresos acadados polo Estado das Autonomías e, neste sentido, salientou que Galicia “non está pensando en pecharse portas, senón que traballou nos últimos anos e segue traballando arduamente para abrilas”. Así o manifestou durante a súa intervención no almorzo-coloquio organizado pola Cámara de Comercio de EE.UU en España.
O mandatario galego sinalou que o Estado e as súas autonomías non son dúas realidades diferentes porque as autonomías son Estado, interveñen na súa gobernación e, polo tanto, calquera intento de alterar os equilibrios dese Estado lles afecta. Así, fronte aos desafíos do independentismo catalán, apuntou que Galicia “está plenamente concernida porque se pon en perigo un sistema institucional que posúe dous avais: o respaldo democrático dos seus cidadáns, e uns resultados que permitiron superar numerosos déficits históricos en materia económica, empresarial, tecnolóxica, educativa e ata na propia autoestima.
Unha Comunidade estable que non pon trabas ao investimento
Galicia, proseguiu, é unha Comunidade estable, que non está inmersa en debates que incrementan as trabas ao investimento, senón en todo o contrario. Demóstrao a Lei do emprendedor, que simplifica os trámites administrativos para poñer en marcha un negocio; a rebaixa fiscal histórica incluída nos orzamentos do vindeiro ano; ou a aposta que a industria galega está a facer pola industria 4.0 e pola innovación, ou por mellorar a formación dos máis novos a través da FP dual e os idiomas.
Feijóo asegurou que Galicia está a traballar firmemente pola internacionalización e a competitividade das súas empresas. Faino, dixo, favorecendo os investimentos en innovación, coas Unidades Mixtas de Innovación, cunha dedución específica neste eido desde o ano pasado, e con distintas ordes de axuda como o programa Interconecta.
Así, resaltou, Galicia presenta hoxe maiores fortalezas que en 2010. Acumula sete semestres seguidos de crecemento, alcanzando o 1,8%. A demanda interna creceu un 2,3% no segundo trimestre deste ano. A formación bruta de capital acada o mellor dato desde 2007. E, no tocante ao mercado laboral, remata outubro con menos desempregados que no mesmo mes de 2010, polo que volve a niveis de paro inferiores aos de hai cinco anos e presenta un comportamento mellor en termos interanuais que a media do Estado.
A internacionalización da economía, dixo, ten moito que ver nesta mellora; e, ao respecto, mencionou que 2013 e 2014 foron anos históricos en materia de exportacións, e que os datos ata agosto indican que así seguirá sendo, posto que estas operacións creceron nos primeiros oito meses do ano un 4,5%.