Saturday 16 de November de 2024

A estación de autobuses confirma a súa recuperación en 2022 con preto de 1,6 millóns de viaxeiros


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta mañá o Consello de Administración de Tussa, no que se aprobaron as contas anuais de 2022 e o Plan de Igualdade.

Á vista dos resultados presentados, “podemos falar de normalización do servizo e superación da etapa dos anos 2020 e 2021 marcada pola pandemia”, sinalou o rexedor. En 2022, 1.595.010 viaxeros fixeron uso da estación de autobuses de Santiago, “unha cifra moi positiva”, á que lle hai que engadir 1.742.785 viaxeiros do transporte metropolitano e das liñas regulares que non foron usuarios directos da estación. En total, sumando ambos conceptos, 3.337.795 usuarios.

A esta cifra engádenselle os 3.120.000 usuarios da estación de tren, que dá como resultado un total de 4.715.000 viaxeiros que empregaron a Intermodal, “números que confirman a súa posición como o principal centro de comunicacións de Galicia”, apuntou Sánchez Bugallo.

No referido ao uso dos aparcadoiros, produciuse un incremento do 20% con respecto ás cifras de 2021 e do 100% se se comparan coas de 2020, aínda que “non se acadaron por completo as de 2019”. Con respecto á dársena de Xoán XXIII, recibiu en 2022 9371 autobuses, fronte aos 3430 de 2021, sen chegar, de momento, aos 12.123 de 2019.

Ingresos

En canto aos resultados económicos, os ingresos acadados ascenderon a 3.265.221 euros, lixeiramente por debaixo das previsións orzamentarias, cunhas “pequenas perdas de 10.459 euros”. “Considérase un resultado moi razonable que permite dar por superada a época da pandemia, na que se produciron perdas moi superiores”, salientou o alcalde que reiterou que “estamos a piques de acadar o equilibrio”.

Plan de Igualdade

Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobou o Plan de Igualdade e os protocolos de actuación ante vítimas de violencia de xénero e de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e/ou por razón de sexo ou orientación sexual, identidade de xénero e/ou expresión de xénero, que contou co voto favorable de todos os sindicatos con representación na empresa.