Friday 22 de November de 2024

Os centros cívicos sociais de Doso e Sedes acollerán novas charlas sobre o control da vespa velutina


O vindeiro venres, día 31, terá lugar unha nova charla do programa “Stop vespa velutina”, impulsado pola Asociación Galega de Apicultura en colaboración co Concello e, neste caso, a Asociación de Veciños A Naveira, de Doso. O centro cívico social da citada parroquia acollerá ese día, ás 19.00 horas, unha charla informativa sobre os riscos de ter un niño de vespas velutinas próximo ás vivendas e tamén da importancia do trampeo primaveral.

A seguinte convocatoria programada será o 4 de abril ás 20.00 horas no Centro Cívico Social de Sedes, un acto que conta coa colaboración da entidade veciñal Rosa dos Ventos, da citada parroquia naronesa.
En ambos casos o técnico apícola Rafael Nieto será a persoa encargada de impartir as charlas, nas que se abordarán temas como o control primaveral de raíñas, como evitar niños próximos ás vivendas, a fabricación de trampas e atraíntes, actuacións ante niños (aviso, retirada e precaucións) e primeiros auxilios por picaduras.

O trampeo entre os meses de marzo e maio é fundamental, tal e como subliñan dende AGA, para evitar a proliferación das vespas velutinas, unha ameaza para as persoas e tamén un problema medioambiental.