O concelleiro Jesús Celemín resalta a excelencia, variedade e calidade da programación cultural promovida polo Concello
A mostra, considerada como unha das mellores actividades culturais de Galicia, desenvolverase en diferentes espazos do 26 de maio ao 4 de xuño
O certame renova nesta edición a súa dimensión formativa e de apoio a proxectos cinematográfico
A Mostra (S8) de Cinema Periférico volve situar a cidadeda Coruña como referencia no ámbito cultural, tal como destacou hoxe na presentación do certame o concelleiro Jesús Celemín.
O edil recordou que esta mesma semana presentáronse eventos tan significativos como o Encontro Mundial de Humorismo, o Festival Resis e o propio S8, mentres que estes días está en marcha o ciclo Cinema por Mulleres e, hai uns días, tivo lugar a Semana do Cinema Galego, certames todos eles que evidencian os conceptos de excelencia e calidade polos que aposta o Goberno municipal.
O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presentou este mércores as actividades, datas e sedes da que será a súa décimo cuarta edición, que se desenvolverá entre o 26 de maio e o 4 de xuño en cinco espazos da cidade, como a sala municipal de exposicións de Palexco, a Domus, a Fundación Luís Seoane, a Filmoteca de Galicia e a sede de Afundación.
O (S8), referente nos eventos culturais de Galicia, tal e como referendou por sexto anoconsecutivo o Observatorio da Cultura e a Fundación Contemporánea, reforza este ano a súa dimensión formativa e de apoio a proxectos cinematográficos, coa creación dunha nova convocatoria de bolsas remuneradas para o desenvolvemento de talentos emerxentes no ámbito da Unión Europea, que se suma ao resto de liñas de acción xa consolidadas.
No acto de presentación, ademáis de Jesús Celemín, participaron os directores do S8, Ángel Rueda e Ana Domínguez, o deputado Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación da Coruña; e Jacobo Sutil,director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia. Contou coa presenza tamén da directora da Fundación Luís Seoane, Silvia Longueira, e a coordinadora da sede de Afundación, Beatriz Aler.
Nesta décimo cuarta edición, o S8 desenvolve e fai medrar a súa dimensión formativa, deimpulso, apoio, investigación e desenvolvemento de proxectos cinematográficos Será baixo o paraugas de eSe8_LAB, que neste 2023 consolida e amplía proxectos previos de profesionalización, titorización, estadías artísticas e formación a través dos programas INPUT, BAICC e Paraíso, e incorpora esta nova liña de bolsas, as bolsas eSe8_LAB, dirixidas a fortalecer a actividade formativa, o impulso á coprodución e ao desenvolvemento do talento emerxente, e que propiciará o desenvolvemento de proxectos cinematográficos nunha institución de prestixio na Unión Europea.
Con esta intención nace a colaboración co BALTIC ANALOG LAB (BAL) de Riga, un colectivo de artistas e un filmlab con sede na capital de Letonia, que xorde para producir, ensinar e inspirar, proporcionando un espazo para a creación, a aprendizaxe e a formación.
Esta colaboración dará como resultado novas coproducións internacionais que terán a súaestrea mundial na Coruña. Neste sentido, o S8 non é só unha mostra de cinema, senón tamén unha ferramenta de impulso do cine, á formación, á proxección de novos directores e directoras e ao intercambio de saberes e de sensibilidades, con liñas de acción de probado éxito xa en anos anteriores, que responden a unha necesidade do sector para un tipo de cinema de difícil distribución.
eSe8_LAB está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU como parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.
Nesta edición do S8, o espazo de titorización personalizado de proxectos cinematográficos en desenvolvemento, INPUT, que se estreou en 2017 grazas á colaboración coa Fundación Luís Seoane para impulsar a profesionalización de creadores e creadoras e potenciar a formación, vertebración e xeración de redes dentro do sector cultural no país, duplica o seu alcance e participantes, ao aumentar de tres a seis o número de proxectos titorizados.
Contará con seis profesionais de prestixio internacional para asesoralos e, ademais, ampliará o seu proceso de seguimento, con titorías en liña, máis alá das datas do festival.
Desde este mesmo 29 de marzo ao 24 de abril está aberto o prazo para a recepción dos proxectos candidatos a través da web, www.s8cinema.com. INPUT conta co apoio da Fundación Luís Seoane e a colaboración do LAV – Laboratorio AudioVisual de Creación e Prácticas Contemporáneas e Afundación – Obra Social Abanca.
Por outra parte, as Residencias Artísticas Internacionais de Creación Cinematográfica – BAICC, que operan desde 2017 e que sitúan o S8 como o único evento a nivel estatal con estadías de creación cinematográfica, darán a oportunidade de participar nunha estadía de entre catro e seis semanas en Toronto, Canadá, para a produción dunha obra fílmica rodada en formato analóxico, grazas ao apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto (LIFT), o que reafirma a forte aposta da Mostra pola produción e a creación artística en espazos alternativos e pola apertura a novas linguaxes cinematográficas.
O prazo para a recepción dos proxectos candidatos das residencia BAICC e ás Bolsas eSe8_LAB estará aberto a mediados de maio e ata mediados de xuño na www.s8cinema.com.
Inaugurada na edición de 2021 como espazo de encontro ao ensino e á nova creación desdeun enfoque multidisciplinar e libre das Belas Artes, a sección Paraíso alcanzará neste 2023 unha nova dimensión coa participación de alumnado de Francia e Italia, ademais das Facultades de Belas Artes de Salamanca e Pontevedra, que xa formaron parte do S8 na pasada edición, e ás que se unirá alumnado da Universidade de Barcelona.
Ademais, esta edición suporá a apertura dun espazo de asesoramento profesional, no que o estudantado recibirá titorización personalizada e directa por parte de profesionais de recoñecida traxectoria. Paraíso conta coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a Facultade de Belas Artes de Salamanca e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona.
Como nos últimos anos, o S8 inclúe na programación previa aos días da mostra unhas xornadas de cinema para centros públicos de ensino da cidade na Domus, que buscan ampliar as posibilidades de achegar o festival á xente moza, afianzando así o seu compromiso coa formación e creación de novos públicos. Farao a través dun ciclo de proxeccións para menores de entre 10 e 16 anos, composto por catro sesións ao longo do mes de maio, cuxa temática se move entre o social e o coidado do medio ambiente, achegando tamén obras de narrativa experimental.
Este ciclo conta coa colaboración da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego da Coruña e contará coa participación de 300 mozas e mozos de diferentes centros de ensino da cidade.
Ademais, o S8 concibe o cinema como ferramenta de autocoñecemento e de exploración dos sentidos e as emocións e ese é o espírito de Xpresa, un programa didáctico cuxo obxectivo é impulsar a inclusión social. Dirixido a persoas de capacidades diversas ou en risco de exclusión social, estará impartido por cineastas de recoñecida traxectoria, para se conformaren como un mecanismo a través do que as e os participantes poidan experimentar e expresar o seu propio universo mediante a creación libre e estimulante de pezas cinematográficas persoais, feitas a partir da intuición previa ao aprendido. O programa inclúe a presentación e proxección das obras fílmicas resultantes do obradoiro.
Nesta edición, o taller Xpresa, desenvolvido co apoio da Fundación Emalsa a través do programa de Cultura Accesible e Inclusiva, terá lugar unha vez rematado o festival, os días 16, 17, 18 de xuño, e contará coa participación de entidades locais como é o caso da Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) e da Fundación de Adultos Discapacitados da Coruña (ADCOR).
Esta décimo cuarta edición de S8 está organizada pola Asociación eSe8 co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). O seu desenvolvemento é posible grazas ao programa de Acción Cultural Española (AC/E) para a internacionalización da Cultura Española. Conta ademais co patrocinio da Fundación Luís Seoane e a colaboración de Afundación.