Inés Rey: “Agardo que os preceiros e praceiras teñan aquí un bo lugar de traballo mentres duren as obras que permitirán a renovación total da praza de abastos”
Esta mañá abreu ao público o mercado provisional instalado na praza de Indalecio Prieto na que estarán instalados os praceiros e praceiras do Mercado de Monte Alto mentres duren os traballos de renovación e mellora do espazo. A alcaldesa, Inés Rey, achegouse ata o emprazamento temporal acompañada por Francisco Díaz Gallego, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade e Diana Sobral, concelleira de Comercio, Mercados e Barrios. A rexedora destacou a satisfacción dos comerciantes: “agardo que os praceiros e praceiras teñan aquí un bo lugar de traballo mentres duren as obras que permiturán a renovación total da praza de abastos”, expresou.
O Concello, de mutuo acordo co persoal, decidiu aplicar unha suspensión do prazo de duración das súas concesións como compensación polo seu traslado a Indalecio Prieto.
Deste xeito, as concesións de praceiros e praceiras estenderanse 10 meses máis, tendo o Goberno de Inés Rey a capacidade de ampliala aínda máis en función do funcionamento do mercado provisional. “Para este Goberno era unha prioridade que os praceiros e praceiras puidesen seguir traballando, investindo 850.000 euros neste mercado provisional para garantir a súa actividade profesional tal e como nos comprometemos”, subliñou a alcaldesa.
As obras de renovación do mercado de Monte Alto teñen un prazo de execución de 26meses e un investimento de 10,4 millóns de euros. O novo mercado incorporará melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en vidros como en sistemas de calefacción, así comonos equipamentos. Inclúe, ademais, a reforma da escola infantil de Monte Alto, cuxos traballos ascenderán a 140.000 euros. Actuarase tamén sobre a praza exterior e a rúa Joaquín González acomentendo traballos de reurbanización por valor de 500.000 euros.
“Un importante investimento co que queremos que os veciños e veciñas do barrio teñan unha infraestructura do máis alto nivel pero tamén máis e mellores servizos e espazos públicos de calidade ” explicou a alcaldesa. Ademais, está previsto plantar árbores na praza e nas beirarrúas, o que lle dará á contorna un maior atractivo para a cidadanía.