Israel Fernández e Diego del Morao, Temples (UK), Allah-Las (USA) e Valeria Castro son os catro primeiros nomes confirmados do novo ciclo musical
O circuíto, cuxas entradas xa están á venda, repartirá as súas actuacións entre abril e decembro co obxectivo de consolidarse na escena local con actuacións únicas e exclusivas en Galicia
Ágora ‘Selección Sonora’ é o novo ciclo musical impulsado polo Concello da Coruña co obxectivo de recuperar un espazo excepcional co seu auditorio de 500 butacas para o desenvolvemento de concertos exclusivos. Serán cinco concertos entre abril e decembro e xa se coñecen os catro primeiros nomes, todos eles con datas exclusivas en Galicia: Israel Fernández e Diego del Morao (27 de abril), Temples (16 de maio), Allah-Las (22 de xuño) e Valeria Castro (30 de setembro).
Desde a súa inauguración en xaneiro de 2012 o Centro Sociocultural Ágora acolleu concertos de artistas de gran relevancia nacional e internacional como Christina Rosenvinge, Russian Red, Nacho Vegas ou os británicos Tindersticks. O obxectivo do Goberno de Inés Rey é recuperar este espazo, símbolo dos equipamentos municipais nos barrios da cidade, como recinto de grandes actuacións. O próximo 27 de abril inaugurará este ciclo o cantaor Israel Fernández (cabeza visible da nova escena de cante jondo).
As entradas para as dúas primeiras actuacións xa están á venda a través de Ataquilla e nos puntos de venda física habituais. Este novo ciclo de concertos súmase á ampla oferta musical da cidade e engade o Centro Sociocultural Ágora entre os recintos que acollen actuacións ao longo do ano.
ISRAEL FERNÁNDEZ E DIEGO DEL MORAO
Xoves, 27 de abril, 20.00h
Desde a súa vitoria con tan só 11 anos no concurso televisivo “Tu gran día” ata os seus recentes propostas nos Grammy Latinos e nos Premios Odeón, a traxectoria de Israel Fernández está a ser meteórica. Hoxe en día é considerado xa un dos intérpretes flamencos máis importantes, e seguramente o referente de toda a nova xeración de artistas do xénero.
Transcendendo alén do flamenco, o seu gran aval, máis aló da súa persoalísima maneira de interpretar o cante tradicional, radica en saber conxugar o legado clásico coa súa imparable frescura creativa, dando como resultado actuacións tan emocionantes como dinámicas. Con catro álbums publicados e un recoñecemento unánime de público e crítica.
TEMPLES
Martes, 16 de maio, 20.00h
Formada en 2012 na cidade de Kettering (UK), Temples é sen dúbida unha das grandes bandas de psicodelia pop da actualidade. Composta por James Bagshaw (voz e guitarra), Tom Walmsley (baixo), Adam Smith (teclado e guitarra) e Rens Ottink (batería), asinou tres gloriosos álbums que xa forman parte da historia do xénero, unindo a influencia do son Madchester coa do sunshine pop e a psicodelia dos 60.
ALLAH-LAS
Xoves, 22 de xuño
A historia de Allah-Las remóntase ao 2008, cando Mat, Spencer e Pedrum que traballaban xuntos en Amoeba Récords, (a tenda de discos máis famosa en L.A), convértense en bos amigos e deciden formar unha banda grazas ao seu gusto polo rock psicodélico, o garage sesenteiro e o seu amor por California. A banda americana encárgase de explorar con cautela distintos horizontes sonoros e linguaxes.
VALERIA CASTRO
Sábado, 30 de setembro
En 2021 Valeria Castro regalaba cancións ao mundo desde o illamento do seu pequeno laboratorio musical. Así naceron e rodaron polas redes sociais os temas do seu primeiro EP, “Chiquita”. A música da nova cantautora está repleta de sons do folclore canario, letras cheas de garra, de melancolía e de respecto cara á terra.