Thursday 21 de November de 2024

O Concello instala tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña, situadas en Indalecio Prieto, Catro Camiños e na contorna da cúpula de Eirís


Este mércores activáronse as bases instaladas este mes no acceso norte do centro sociocultural Ágora e na rúa Picavia. Desta forma, xa son 37 as estacións dispoñibles para o uso da cidadanía

No que vai de marzo, BiciCoruña bateu o récord histórico de actividade no servizo, con 69.237 usos, o máximo contabilizado desde a posta en marcha da plataforma, renovada o pasado verán polo Goberno municipal

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Mobilidade, instalou este mércores tres novas bases do servizo BiciCoruña, situadas na rúa Antonio Santiago —preto do mercado provisional de Monte Alto-, en Indalecio Prieto, no espazo PMUS disposto en Catro Camiños, baixo o viaduto da avenida Alfonso Molina e no parque de Eirís, na contorna da cúpula.

As novas estacións contan con 15 ancoradoiros no caso da base da rúa Antonio Santiago,19 na do parque de Eirís e 23 en Catro Camiños, con cadansúas bases de carga para os vehículos. Tras a instalación das bases, executada hoxe polo persoal de Mobilidade, será preciso completar os traballos de electrificación e instalación de software, co obxectivo de que estas tres novas estacións estean operativas para o seu uso nun prazo de, aproximadamente, dúas semanas.

Hoxe actívanse as estacións da rúa Picavia e o Centro Sociocultural Ágora

Ademais, tamén este mércores, activáronse as estacións xa instaladas a mediados de mes na rúa Picavia (15 ancoradoiros) e no acceso norte do centro sociocultural Ágora (23 ancoradoiros).

Coa posta en marcha das bases de Picavia e Ágora, cumprindo os prazos previstos polo Goberno municipal, xa son 37 as estacións operativas na Coruña. Pasarán a ser 40 unha vez que se activen as da rúa Antonio Santiago, Catro Camiños e parque de Eirís.

Así, o Goberno de Inés Rey dá continuidade ao plan de expansión de BiciCoruña en todos os barrios da cidade. Desde a renovación do servizo executada o pasado verán —a primeira desde a posta en marcha de BiciCoruña hai máis de unha década—, incrementáronse en 14 as estacións dispoñibles, pasando de 23 a 37 en menos dun ano.

As 37 estacións en funcionamento están operativas desde as 07.00 da mañá á 01.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.

En marzo, novo récord histórico de usos no servizo de BiciCoruña

Os últimos datos recollidos polo persoal de Mobilidade reflicten a boa recepción do servizo entre a cidadanía, cunha tendencia ao incremento de usuarios e usuarias practicamente cada mes. No que vai de marzo, e aínda sen contabilizar os tres días que restan para rematar este mes, rexistráronse 69.237 usos, o récord histórico da plataforma —o pico anterior foi en febreiro deste ano, con 62.363 usos—. Neste sentido, a previsión de Mobilidade é que o mes de marzo remate con aproximadamente 80.000 usos.
Ademais, o pasado luns 27 bateuse o récord histórico de usos diarios na plataforma —contabilizáronse 3.583—, superando por primeira vez os 3.500 usos nunha mesma xornada.