Friday 22 de November de 2024

O alcalde explica á veciñanza as diferenzas entre o proxecto actualizado da segunda fase de reubanización de Castrón Douro e o anterior


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou á veciñanza de Castrón Douro e Sar as diferencias entre o proxecto anterior; e o proxecto actualizado da segunda fase de reubanización de Castrón Douro e Sar que definiu como a solución executable máis viable, máis rápida ao estar xa dotada de orzamento, menos arriscada a nivel arqueolóxico, e “coa que todos melloran e non empeora ninguén”.
Pola súa banda, a veciñanza expresoulle as súas inquedanzas e preguntou sobre as posibles solucións adoptadas ante problemas que os preocupan, como a acumulación de pluviais.

Na xuntanza, na que tamén estaban presentes os concelleiros de Barrios e Obras, Gonzalo Muíños e de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Mila Castro; e o arquitecto xefe do Servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, quen foi o encargado de explicarlle as veciñas e veciños que acudiron á reunión, os detalles dese proxecto actualizado.

As principais diferenzas entre o proxecto actualizado e o anterior, tal e como se lle explicou á veciñanza, son o cambio de rasante, o investimento, e os prazos de execución. As dúas propostas garanten accesibilidade aos portais de todas as vivendas.

O novo proxecto, a diferencia do anterior, mantén a actual rasante. A baixada da mesma implica a necesidade de formalizar patíns para dar acceso aos portais que quedan por enriba; e a necesidade de retranquear, é dicir, baixar, todas as instalacións urbanas (abastecemento, saneamento, electricidade, servizos comúns e telecomunicacións), co que sería necesario realizar un novo estudo xeotécnico, o que demoraría considerablemente a execución do proxecto.

Ademais, nesta zona, concretamente na praza fronte os números 1 e 2 da rúa de Sar, atópase un prisma da rede troncal de telefonía da cidade que está a 50 centímetros de profundidade, que non permite baixar a rúa máis de 25 centímetros. O seu traslado, demoraría a obra e incrementaría notablemente o custe orzamentado actualmente.

A proposta actualizada contempla un ancho de beirarrúas de 1,80 metros e de carrís de 3 metros, e a reducción da altura dos petos da vivenda. tamén se reducirá a altura dos petos das vivendas con patios

En canto os materiais e acabados, mantense o criterio do proxecto orixinal, en liña coa estética da primeira fase; con formigón gris lavado nas beirarrúas, formigón negro pulido na calzada e pedra nas zonas de patios e patíns.

Ademais, tamén se resolverán problemas relacionados co saneamento de fecais e pluviais, a principal preocupación manifestada pola veciñanza durante a reunión. A solucion proposta no proxecto pasa por conectar as redes de pluviais que baixan de Castrón Douro á rede de pluviais que atravesa Sar. Actualmente, na rúa do Olvido, a rede de pluviais conecta coa rede de fecais, o que provoca problemas de inundacións na zona.

O proxecto actualizado tamén contempla a renovación da instalación eléctrica, os elementos de alumeado público e as canalizacións de abastecemento de auga e gas. Ademais, executarase unha canalización ao longo da rúa que permita o soterramento da rede de electricidade.

O importe estimado desta actuación, para a que xa existe financiamento, é 858.303,81 euros, IVE incluido. Se se executa o proxecto orixinal, o custe incrementaríase, segundo as estimacións dos técnicos, en aproximadamente 500.000 euros máis, actualmente non dispoñibles.