Alumnado de 2.°B da ESO do instituto pobrense asistiu neste 28 de marzo á andaina Mulleres fronte á emerxencia climática ao abeiro da programación impulsada pola Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), co motivo do 8-M.
Trátase dun proxecto de acompañamento e organización de grupos de mulleres para poren en valor o seu papel como coidadoras da terra e das persoas ao longo da historia, e recalca-la súa importancia na loita pola igualdade de xénero e a transición ecolóxica na actualidade, que leva en funcionamento dende o pasado ano.
O formato elixido para a divulgación sobre o dito proxecto entre o estudantado da secundaria é o da andaina, experiencia que estivo aberta ao público xeral no día 19. Co acompañamento de mulleres implicadas nesta iniciativa; entre elas, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), a expedición efectuou diferentes paradas polo núcleo urbano.
A carón da praia dos Areos, coñeceron coas mariscadoras a riqueza marisqueira do litoral que constitúe unha destacable materia prima para a cociña de calidade, ademais de aprenderen que este oficio estivo tradicionalmente vencellado ás mulleres.
Outro dos altos foi nas marquesiñas para subliñar así a necesidade dunha boa rede de infraestruturas que conecte a bisbarra e Santiago de Compostela, especialmente polo menor impacto do transporte público no medio ambiente en comparación cos vehículos particulares, pois permite trasladar un significativo volume de persoas nunha única viaxe.
Tamén se detiveron nunha das illas da compostaxe comunitaria para afondaren nos beneficios e funcionamento deste servizo, así como os recursos que a Administración local pon á disposición da veciñanza que participe nesta alternativa para reduci-lo peso da fracción do resto depositada nos contedores xenéricos.
Remataron o seu periplo no Coworking pobrense para coñece-las instalacións; un espazo de traballo colaborativo que ten como finalidade estimula-lo espírito emprendedor e a fixación da poboación a través da fórmula do autoemprego.