Nova xornada de emprendemento no Coworking da Pobra do Caramiñal neste 28 de marzo. Unha vintena de estudantes do ciclo superior de Dietética do IES pobrense achegouse para coñece-lo espazo de traballo colaborativo e os recursos que a Administración local pon á disposición das persoas que desexaren emprender.
A concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), indica que se prosegue así coa liña de traballo de encontros cun dobre obxectivo: estimula-lo espírito emprendedor e dinamizar este servizo municipal que tamén busca a fixación da poboación.
Na compaña de Fátima Rodríguez, encargada da asistencia técnica, durante a visita compartiron experiencias e unha visión do mercado laboral, ademais das ideas de negocio que se xestan no centro pobrense impulsadas por xente moza da comarca, para así lle ofrecer ao alumnado exemplos próximos de aposta polo autoemprego.
Creado en 2017, o Coworking da Pobra consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos destinados a persoas emprendedoras que fagan uso desta prestación de maneira continuada, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a quen utilice o centro de xeito puntual.
Xa en 2022 foi cando se formalizou a súa integración na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, polo cal o Concello pobrense participa en reunións técnicas coma a que terá lugar no Green Coworking das Pontes no 29 de marzo.