A Xunta de Galicia vén de adxudicar por 887.280 euros a execución das obras de mellora do firme en tres estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro. Unhas actuacións adxudicadas á empresa Nemesio Ordóñez SA que permitirán a rehabilitación do firme da AC-308 Vilachán-Noia ao seu paso polo municipio lousamiá, concretamente entre os puntos quilométricos 4 e 14,700.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra a adxudicación dunhas obras “que suporán unha importante mellora da seguridade viaria nesta estrada xa que que as actuacións de sinalización, drenaxe e mellora do pavimento previstas permitirán incrementar a adherencia entre o pneumático e o pavimento”. Unha obra que conta cun orzamento de 412.105,59 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa coa previsión de comezar as obras na segunda quincena de abril, co fin de telas rematadas neste mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses. “Durante a execución das obras non será necesario cortar a estrada nin facer desvío algún”, adianta Teresa Villaverde, xa que “as obras realizaranse por medias calzadas, de forma que se poderá manter o tráfico por un dos dous carrís en todo o momento”.
A actuación executarase en tres tramos: do pk 4 ao 7, do pk 7 ao 10 e do pk 10 ao 14,7, nos que se acometerán fresados localizados de 5 centímetros de ancho, aplicarase unha rega de adherencia con emulsión asfáltica e rematarase cun aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor. Finalmente, reporase a sinalización horizontal.