O alumnado dos colexios Xesús San Luís Romero, Fogar, A Cristina, Gándara-Sofán e Canosa-Rus xa está colaborando para que o futuro sexa máis verde. Nos últimos días púxose en marcha en todos estes centros o programa de compostaxe escolar que impulsamos dende as concellarías de Servizos e Educación para implicar aos nenos e as nenas na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible establecidos na Estratexia 2030.
Dende o Concello de Carballo consideramos que empezar a difundir a compostaxe na escola é un acto de responsabilidade ecosocial, no que resulta imprescindible a implicación de toda a comunidade educativa. Con esa intención vimos de instalar composteiros nos cinco colexios adheridos e de realizar a formación correspondente. O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, asistiron a unha desas xornadas formativas e pediron a colaboración dos nenos e as nenas para trasladar ese compromiso ambiental da escola á casa.
O programa de compostaxe escolar permite introducir aos nenos e nenas no aproveitamento dos restos orgánicos que se xeran na escola, tanto nos comedores coma nas hortas escolares, e ademais axudaralles a comprender o ciclo da materia orgánica dunha maneira práctica e didáctica.