O primeiro voo que conectará A Coruña coa cidade italiana sairá este martes, ás 17.15 horas, con EasyJet como operadora. É a primeira vez que A Coruña conta cunha liña aérea regular con Milán
Desde este martes, A Coruña amplía o seu mapa de conexións aéreas internacionais, sumando Milán-Malpensa aos destinos europeos xa dispoñibles desde o aeroporto de Alvedro, que tamén abranguen as cidades de Xenebra (Suíza) e Londres (Reino Unido).
Ao igual que no caso de Xenebra —conexión que se inaugurou a pasada fin de semana—, a ruta con Milán-Malpensa contará coa aeroliña EasyJet como operadora. Haberá dúas frecuencias semanais desde Alvedro coa cidade italiana, os martes e sábados, durante todo o ano. Neste sentido, o primeiro voo procedente do aeroporto de Milán-Malpensa chegará a Alvedro esta tarde, ás 16.30 horas. O percorrido de volta a Italia será xa ás 17.15 horas, no avión EJU3774.
Cun fluxo de tráfico de aproximadamente 29.000.000 pasaxeiros por ano, Milán-Malpensa é o segundo aeroporto máis importante de Italia, despois do de Roma-Fiumicino. Desta forma, o Concello reforza o papel da cidade como destino turístico, pero tamén amplía o mapa de de destinos dispoñibles para os coruñeses e coruñesas coas conexións internacionais que oferta a cidade italiana.
Neste sentido, a alcaldesa, Inés Rey, subliñou que a nova conexión con Milán, así como a que se abriu recentemente con Xenebra, “amosa a aposta do Goberno municipal para potenciar o valor turístico da Coruña a través de infraestruturas clave para a cidade, como é o caso do aeroporto de Alvedro”. A rexedora recordou, ademais, que é a primeira vez que A Coruña conta cunha conexión aérea regular coa cidade de Milán.
A conexión con Ámsterdam, prevista no segundo semestre de 2023
Coa incorporación de Milán ao abano de destinos dispoñibles desde Alvedro, A Coruña incrementa a tres as súas conexións internacionais, todas elas en continente europeo. A previsión do Goberno de Inés Rey é que a esta oferta se sume no segundo semestre de ano unha nova liña co aeroporto de Ámsterdam-Schiphol, que tamén contará con EasyJet como compañía operadora.
A conexión con Ámsterdam activarase toda vez que se solvente a escasez de slots dispoñibles actualmente no aeroporto neerlandés, o máis importante dos Países Baixos.