Friday 22 de November de 2024

A Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña fomentarán o emprendemento en 21 centros de ensino a través da segunda edición do programa “Eduinspira”


— O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente da Cámara, Antonio Couceiro, presentan a iniciativa, enmarcada no Plan EduEmprende

— A través do novo Plan Innova FP Galicia a Xunta creará sete novos viveiros de empresa e incrementará as aulas de emprendemento, entre outras medidas

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, presentaron esta mañá a segunda edición de Eduinspira, un programa desenvolvido en colaboración pola Xunta e esta institución empresarial. O seu obxectivo é amosar ao alumnado as vantaxes do emprendemento e as posibilidades que a FP ofrece para a posta en marcha de proxectos viables e para a creación de ideas innovadoras de negocio, a través de xornadas en 21 centros de ensino nas que os estudantes adquirirán habilidades neste eido e coñecerán de primeira man as experiencias de persoas emprendedoras.

Na súa intervención, o conselleiro destacou a aposta da Xunta de Galicia pola converxencia entre a FP e a realidade laboral, incluíndo a das persoas emprendedoras. “A través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo, EduEmprende, no que se enmarca este programa, dotamos aos centros de ferramentas para impulsar nos estudantes a cultura emprendendora, así como de facilidades para iniciar un proxecto de negocio”, declarou.

Neste sentido, lembrou que, a través do Plan Innova FP Galicia aprobado a semana pasada no Consello da Xunta, vaise incrementar ata 100 as aulas de emprendemento en centros, ademais de crear sete novos viveiros de empresa en institutos e centros integrados de FP, ata chegar a un total de 38 en 2024. “Ademais, deseñarase un programa de empredemento industrial na FP de Galicia e facilitarase que o alumnado que está a desenvolver proxectos empresariais innovadores con posibilidade de desenvolvemento industrial poidan facelo a través do viveiro industrial do Centro Galego de Innovación na FP”, sinalou.