Saturday 16 de November de 2024

O concello presenta á Axencia de Turismo de Galicia o proxecto de mellora da seguridade no Sendeiro de Saldoiro


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais comunitarios de titularidade municipal.

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse concorrer á convocatoria de subvencións da Axencia de Turismo de Galicia dirixidas a Concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado ola Unión Europea-Next Generation.

O Concello da Laracha pretende cofinanciar a través desta liña de axudas o proxecto de acondicionamento de elementos de protección do Sendeiro de Saldoiro, o tramo do paseo marítimo de Caión que une a Praza Eduardo Vila Fano co arroio Figueirido e que conta co distintivo de Sendeiro Azul.
A intervención deseñada polo Concello contempla a substitución da barandilla co dobre obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a estética cunha solución que permitirá integrala no entorno no que se sitúa.

O orzamento do proxecto alcanza os 88.500 euros.

Ademais, na Xunta de Goberno tamén se acordou presentar á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais comunitarios de titularidade municipal para solicitar a achega económica para o seu cofinanciamento. Inclúense tanto os gastos derivados dos salarios dos empregados municipais vinculados a ese departamento como dos diferentes programas que se prestan á cidadanía, incluíndo o servizo de axuda no fogar.