A sesión, dirixida a persoas interesadas dos concellos de Cerdido, Moeche e San Sadurniño, terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade, Moeche)
O Convenio da Transición Xusta das Pontes ten como finalidade promover un novo escenario de desenvolvemento económico e social tralo peche da térmica de Endesa. Dentro del habilitáronse cuantiosas liñas de axuda para distintas actuacións nos Concellos máis afectados polo proceso de descarbonización, pero tamén para as empresas e persoas autónomas, que poderán beneficiarse de subvencións para o sostemento do emprego e a diversificación da súa actividade. Delas vaise falar o venres entre as 12:30 e as 13:30h nunha charla que terá lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro (Abade, Moeche) de cara a informar sobre o seu contido, os requisitos e os importes que se poderán obter. As achegas hai que solicitalas a través da web do Instituto para a Transición Xusta.
Nestes momentos hai convocadas dúas liñas de axuda, unha para proxectos empresariais xeradores de emprego -en prazo de solicitude até o 8 de maio- e outra para executar pequenos proxectos de investimento que tamén sexan xeradores ou mantedores de postos de traballo (o prazo de solicitude remata o 16 de maio).
O Instituto para a Transición Xusta pretende en ambos casos apoiar actividades alternativas ás que viñeron rodeando o funcionamento da mina e da central de carbón das Pontes. Por este motivo, no caso das subvencións para proxectos empresariais hai unha serie de iniciativas que non poderán acollerse ás axudas, como por exemplo as relacionadas cos sectores do aceiro, o carbón, a construción naval, as fibras sintéticas, o transporte ou a produción, a distribución e as infraestruturas de enerxía, incluído o almacenamento de combustibles fósiles. Tampouco entran as actividades do sector da pesca e a acuicultura nin -salvo excepcións- a produción agrogandeira.
As axudas irían dirixidas sobre todo ao ámbito dos servizos, e aínda así non a todos. Na orde que as regula cítanse como proxectos subvencionables aqueles orientados a facilitar servizos industriais ás empresas; as residencias e centros asistenciais sociosanitarios; os aloxamentos turísticos e as actividades relacionadas co turismo, o ocio, o medio ambiente e o tempo libre, sempre que estean en concellos de menos de 40.000 habitantes; os proxectos destinados ao desenvolvemento da sociedade da información, a innovación e as novas tecnoloxías; e os establecementos de comercio polo miúdo de produtos producidos pola propia promotora do proxecto.
Poderán beneficiarse destas achegas os proxectos empresariais que requiran un investimento mínimo de 100.000 euros e que creen polo menos tres postos de traballo. Para a súa concesión, a ITJ considerará o investimento realizado (merca de terreos, obras, adquisición de equipamentos, contratación de servizos de enxeñaría etc.) e a creación de emprego. Neste sentido bonificarase a contratación de persoas inscritas nas bolsas de emprego da ITJ co obxectivo de favorecer a creación de emprego prioritario para os traballadores e traballadoras afectadas polo peche de minas e plantas. Ademais, obterán puntos adicionais os proxectos que creen emprego para mulleres, persoas mozas, maiores de 45 anos e persoas con discapacidade.
Da mesma maneira, á convocatoria de pequenos proxectos de investimento, que han de ser como mínimo de 30.000 euros e como máximo de 500.000, tampouco poderán acollerse certas actividades (pesca, acuicultura, produción agrogandeira, empresas de transporte; empresas dedicadas aos combustibles fósiles, etc). Nos municipios “de reto demográfico”, como é San Sadurniño, excepcionalmente poderán ser elixibles os proxectos en bares, restaurantes, salóns de peiteado e comercio minorista situados en parroquias de menos de 500 habitantes. Entran tamén as actividades industriais -agás as exceptuadas- o turismo rural, a veterinaria, as empresas de ocio, etc.
En calquera dos dous casos, o contido das bases é certamente complexo e cheo de matices técnicos, polo que é necesario coñecer todos os seus detalles antes de presentar as solicitudes. Para ampliar información e solventar dúbidas convocouse unha charla informativa dirixida a persoas dos concellos de Cerdido, Moeche e San Sadurniño que vai ter lugar no Centro Cultural Francisco Piñeiro (en Abade, Moeche) este venres 31 de marzo entre as 12:30 e as 13:30h. A sesión estará conducida por Nuria Álvarez Lamas, axente territorial dos Convenios da Transición Xusta en Galicia, quen aclarará todos os aspectos de ambas convocatorias.