Saturday 16 de November de 2024

Os encoros da Demarcación Galicia-Costa atópanse ao 71% da súa ocupación total


O encoro de Beche é o que presenta o maior volume de ocupación, cun 98,72%; mentres que o de Caldas de Reis é o que se atopa máis baixo, cun 37,66%

Os encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, administrados por Augas de Galicia, atópanse ao 71,15% da súa capacidade total. Concretamente, os de abastecemento, ao 68,02%, e os de uso hidroeléctrico ou industrial, ao 71,47%. Así se recolle no último informe no que se sinalan os datos da evolución dos recursos hídricos na Demarcación Galicia- Costa, recollidos o 2 de novembro, e no que se indica que os 19 encoros de Galicia- Costa contan cun volume total de 491,06 Hm3, dos 690,15 (volume total).

En comparación cos datos recollidos o ano pasado na mesma data, a ocupación dos encoros redúcese nas bacías de abastecemento e, pola contra, sube nas de uso industrial. Así, o ano pasado a ocupación dos encoros de abastecemento era do 71,83%, mentres que este ano é do 68,02%; e no caso dos de uso hidroeléctrico na mesma data alcanzaban os 65,69%, e a os datos recollidos no informe chegan ao 71,47%.

O encoro de Beche é o que presenta o maior volume de ocupación de auga almacenada, cun 98,72%, seguido polo de Baiona, ao 90,90%, no polo oposto sitúase o de Caldas de Reis, cun 37,66%, sendo o que presenta un menor volume de ocupación

No que se refire ás bacías destinadas ao consumo hidroeléctrico, os encoros de Touro e Vilagudín son os que teñen maior volume de ocupación. Na táboa, sinálanse os datos do estado actual dos encoros de abastecemento (azul) e de uso hidroeléctrico (verde).

Na páxina web de Augas de Galicia poden acceder ao Boletín Hidrolóxico, no que se amplía a información sobre a evolucións dos recursos hídricos no ano hidrolóxico 2015-2016.