Friday 22 de November de 2024

Un total de 150 persoas participan nos obradoiros de memoria que se celebran en nove parroquias do concello


A iniciativa forma parte do programa de envellecemento activo, que tamén inclúe cursos de manexo do teléfono móbil, ximnasia, bailes e charlas divulgativas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polo presidente de Afaber, Jesús Villar, achegouse hoxe ata o Pazo da Cultura para intercambiar impresións coas participantes no curso de memoria organizado polas concellarías de Benestar e Terceira Idade. A actividade, que se desenvolverá ata o mes de maio, forma parte do programa de envellecemento activo do Concello de Carballo.

Os cursos de memoria teñen un peso moi importante dentro da oferta anual de actividades destinadas ás persoas maiores de 60 anos, que no noso concello son máis de 11.000. Ademais de Carballo, esta actividade, impartida por persoal técnico da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños, lévase a cabo nas parroquias de Lema, Noicela, Razo, Sofán, Verdillo, Sísamo, Ardaña e Cances. En total participan 150 persoas.

O Concello de Carballo tamén conta coa colaboración da Cruz Vermella para o desenvolvemento doutra iniciativa con moi boa aceptación, os cursos de manexo do teléfono móbil, nos que levan participado máis de 500 persoas desde a súa posta en marcha no ano 2019. Mañá mesmo rematará un dos que estamos levando a cabo no Mercado Municipal de Abastos, pero xa temos outro programado para despois de Semana Santa e seguiremos organizándoos mentres exista demanda. As inscricións poden realizarse na Biblioteca Rego da Balsa ou no enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Os cursos de móbil xa se teñen realizado nos últimos meses na práctica totalidade das parroquias, atendendo ás solicitudes ou ben dos consellos parroquiais ou ben das asociacións implantadas en cada unha delas. A través desta vía tamén se están a desenvolver as actividades do programa Actívate, que está tendo moi boa acollida. Nestes momentos está en marcha, con sesións semanais, na Brea, Cances, Bértoa e Sísamo, onde arrinca hoxe luns, e os próximos destinos serán Lema e Carballo.

En 12 parroquias tamén está en marcha o programa de ximnasia para maiores, con dúas sesións semanais, e ademais todos os domingos hai baile con música en directo no salón de actos do Pazo da Cultura, onde se dan cita cada semana centos de persoas. Para o mes de abril xa temos pechadas as actuacións: día 2, dúo Marineda; día 9, dúo Élite; 15, dúo Marineda; 23, Rocío Pérez, e 30 de abril, dúo Élite.

O obxectivo de todas estas iniciativas e mellorar a calidade de vida dos nosos maiores e fomentar o envellecemento activo durante o maior tempo posible.