O concello de Moeche viviu na xornada deste domingo un regreso da Feira do Queixo por todo o alto. Despois de tres anos de parón por causa da pandemia, a cita celebrou a súa quinta edición na compaña do bo tempo e dunha afluencia constante de público desde media mañá que superou as mellores expectativas en canto a asistencia e, segundo as queixarías, tamén en canto a vendas. Tal foi así que o Tren do Queixo veu desde Ferrol cheo de xente -mesmo fixo falta fletar un bus máis grande para trasladala desde a estación até o recinto feiral-, completáronse rapidamente as reservas para as catas comentadas e as visitas guiadas á Fusquenlla e ao castelo foron todo un éxito. A Feira do Queixo confirmouse como un dos eventos de referencia do sector en Galicia e no norte do Estado, ademais de consolidarse como escaparate da calidade e da variedade como claves do seu futuro. Neste sentido, a maiores do éxito de público e vendas, a feira deixa como titular o anuncio de que Moeche será sede en 2024 da I Feira de queixos artesanais de España organizada por QUERED, a Rede Española de Queixarías de Campo e Artesanas.
Pouco antes das 14:00h, cando a feira estaba chegando ao seu ecuador, varias das queixarías participantes facían un balance positivo dun evento que, tal e como comentaba Javier Graña, de Queixos Brigantia, “arrancou un pouquiño tarde, cremos que polo cambio de hora, pero despois das 12 xa non paramos, foi espectacular”. A palabra “espectacular” repetiuna Senén Ramos, da queixaría local Lácteos Moeche, quen asegurou que durante dúas horas tampouco pararan de traballar nin un só momento: “nós, que somos de aquí, nin sequera tivemos tempo de saudar á xente coñecida”. Outras queixarías habituais, cualificaron esta quinta edición como “a mellor”, dixo Javier Meizoso (Queixerías do Eume), pola súa “venda continuada e moi boa” comentou Luis Sanjurjo, de Bardaos, asiduo a todas as feiras bimensuais e sectoriais que se celebran en Moeche.
Desde o mediodía ata pasadas as dúas da tarde, o recinto do Mercado de Moeche foi un constante ir e vir de xente que nalgúns momentos dificultaba moverse con certa comodidade e achegarse aos expositores para ver toda a variedade de produto que ofrecían. A variedade é, precisamente, unha das claves da feira. “Apostamos polas queixarías artesás, que fan ese produto mimado e de calidade, e iso fai que aquí atopes produtos que ao mellor non é doado encontrar o resto do ano. Entón a xente aproveita para mercar” apuntaba a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
E é que en Moeche había de todo, desde os produtos máis tradicionais de pasta fresca ou semicurada, ata novas elaboracións coas que respostar a un mercado cada vez máis esixente e con gustos que buscan sabores distintos dos habituais, que seguen tendo o seu público. “Antes traballabamos queixo fresco, pero agora agora solamente facemos semicurados e ecolóxico e o do país de toda a vida, ademais de queixo de barra e outros formatos”, explicaba o representante comercial de Lácteos de Moeche, mentres que Javier Meizoso engadía que “os queixos de toda a vida seguen vendéndose, pero os novos, cando os das a probar, son os que mellor se venden. O noso afumado é o que máis lle gusta á xente, quizais pola diferencia”.
Na mesma liña tamén se pronunciou Javier Graña, puntualizando que incluso dentro das producións de sempre hai marxe para a diversificación e a innovación. “Aquí a xente vén, proba, degusta, pregunta e compra ao final. O noso forte é o queixo fresco e cremoso, que é ao que máis nos dedicamos, pero despois a xente quere cousas diferentes -un picante, un azul…- ou o leite callado, que moitos aínda recordan e que trouxemos como novidade con moita aceptación nesta feira. Os produtos máis vendidos son sempre os máis vendidos: o tipo arzúa, o fresco etc., pero a xente busca máis cousas, e aí é onde os que somos menos a fabricar podemos atopar maior valor engadido”. Pola súa banda, Vanesa Gesto, de Lácteos O Casal, comentou que tiveran moi boa saída “o kéfir e o queixo afumado”, dous dos produtos máis recentes cos que esta queixaría do Camiño Arriba, en San Sadurniño, ampliou unha oferta que ata non hai moito se centraba exclusivamente nos queixos frescos e requeixos.
Exemplo de diversificación baseada nun produto da máxima calidade e diferenciado é Lácteos Goine, a queixaría convidada este ano á Feira do Queixo de Moeche. Trátase dunha pequena empresa familiar asentada nun antigo caserío situado ao pé do monte Ernio, en Guipúscoa. Fan queixos curados acollidos á DOP Idiazabal partindo de leite crú de ovella latxa, autóctona do País Vasco. Aínda que este queixo con denominación de orixe é o seu produto estrela, “a vida levounos a facer máis queixos, a innovar con outro tipo de pastas. Agora estamos facendo pastas blandas, leites callados, queixos con trufa… para ofrecerlle ao público máis variedade de produto. A xente pide cousas novas, e o que non teñas aquí cómprano fóra. Estanos vindo queixo de Francia e Holanda, pero nós temos capacidade, sabedoría e imaxinación para facer cousas novas”, asevera Chus Hidalgo, copropietaria deste obradoiro que leva colleitado na última década cinco premios internacionais World Cheese Awards.
Hidalgo agradeceulle ao Concello o convite a unha feira “marabillosa” que, ademais, foi para Lácteos Goine “un éxito total en canto a vendas”. Un éxito refrendado por outros expositores que acudiron á cita de Moeche, 38 en total, 28 deles só de queixo e produtos lácteos procedentes de dentro e fóra de Galicia. “Houbo un nivel de vendas máis que aceptable. Logo de tres anos sen feira había un pouco de medo a ver como respondía a xente, pero a resposta foi moi boa porque houbo momentos en que non se andaba pola nave”, valoraba a primeira hora da tarde Beatriz Bascoy, engadindo que “a xente non só vén mirar, senón tamén comprar. Ás queixarías de fóra chámalles a atención o que chegan a vender aquí en Moeche”.
Moeche, sede da I Feira de Queixos artesanais de España en 2024
Bascoy reiterou que a feira “está consolidada e vai a máis” e, neste sentido, anunciou que o evento acollerá en 2024 a I Feira de Queixos artesanais de España organizada por QUERED, a rede estatal que agrupa neste momento a preto de 200 queixarías de campo e artesás.
O colectivo propuxo o nome de Moeche na súa asemblea celebrada en Cáceres a principios de marzo e onte mesmo, aproveitando o encontro profesional de queixarías que tivo lugar na nave do Mercado a primeira hora da tarde, comunicóuselle oficialmente aos expositores participantes na V Feira do Queixo, co obxectivo de iniciar os preparativos dun encontro que reunirá en San Ramón “un grande número de queixarías de toda España”, avanzou a alcaldesa.
Beatriz Bascoy expresou a súa satisfacción porque o concello “sexa anfitrión, coincidindo coa VI Feira do Queixo, da primeira cita sectorial promovida pola asociación de pequenas queixarías máis importante do Estado. Para nós é unha honra e un recoñecemento ao traballo que estamos facendo desde Moeche apostando polo queixo como un produto estratéxico para o rural”.
A rexedora tamén comentou, porén, que recibir a I Feira de Queixos artesanais de España “vai supoñer tamén unha grande responsabilidade e un reto que nos obrigará a traballar duro nos próximos 365 días buscando apoio loxístico e económico”. “Vai ser unha grande oportunidade para promocionar o noso territorio e os nosos queixos que, estou segura, imos organizar con éxito gracias á axuda das queixarías locais, das asociacións e das persoas que nos últimos anos levan apostado tanto pola nosa feira”, asegurou a alcaldesa.